
Outra muller foi estrangulada polo seu home. Chegou tarde de traballar. En lugar de encontrar unha parella comprensiva, coma se fose un home: “Vén, meu rei, descansa, has estar esgotado”, atopou un asasino que non atura que a súa muller chegue tarde, mesmo se vén de traballar.
É intolerable o tratamento sensacionalista que lle dan nos medios a este terrorismo patriarcal que é a primeira causa de morte de mulleres novas no mundo.
Aluden á perda de control pola paixón, convertendo o amor en violencia. A vítima, provocadora dos celos, exculpa o criminal. Cando non, o alcohol, o paro... son eximentes. Enchen páxinas de xornal de laretadas: “parecía un bo home” “era moi traballador” “unha familia exemplar”. Lemos algunha vez comentarios semellantes dos membros da ETA? Se preguntasen, tamén habería quen diría, “era un bo rapaz” “na escola era fraternal”, “a familia do mellorciño” “un mal momento...” pero non, iso é serio e non admite latricadas. Tamén son moi diferentes os funerais. Se te mata a ETA, terás honras e boato con asistencia de autoridades e primacía na TV. Se morres por violencia patriarcal a mans do teu “amo” e “amor”, o funeral é privado, sen relevancia pública. Que non digan as autoridades que están preocupas pola violencia de xénero!!
Mentres, o odio medra. En asociacións de mulleres reciben textos así: “Zorras, putas, ladroas, parasitas, hai que matarvos a todas canto antes... Teño apostados tres euros cun amigo a que este ano chegamos ás 100... O día máis feliz foi cando eliminaron catro putas. Á cámara de gas todas!”
Só valorando as mulleres acabará a misoxinia.
Descargar Tarifas