M. V . Abel Caballero, presidente da Autoridade Portuaria no 2006 e candidato á alcaldía, incrementou no seu último ano á fronte do porto vigués máis dun 250 por cento o investimento dedicado a publicitar esa institución. Dous anos depois, máis de medio millón de euros daquel gasto aínda está sen xustificar.
Abel Caballero, como presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, gastou máis de 849.000 euros en publicidade no 2006; un 263 por cento máis que no ano anterior. Cómpre lembrar que as eleccións municipais, nas que Caballero logrou a alcaldía co PSOE, tiveron lugar poucos meses despois, a comezos de 2007. O dobre papel de Torres y Carrera A escusa oficial da duplicación do gasto é a celebración do 125 aniversario do Porto. Con todo, dous anos despois a administración segue sen explicar a que adicou máis de 540.000 euros do investido en publicidade para o aniversario; malia que o PP ten preguntado até tres veces no Parlamento de Galicia e nas Cortes estatais. A consultora Torres y Carrera destaca entre as empresas beneficiadas dos contratos si publicados. Esta firma organizou o acto de entrega de medallas do aniversario por máis de 76.000 euros en novembro de 2006. Meses despois Torres y Carrera era a axencia que xestionaba a publicidade da candidatura de Caballero á alcaldía. Para compensar polo tráfico de camións Algúns dos anuncios do PSOE empregaban a mesma tipografía e as mesmas cores que a publicidade do 125 aniversario do Porto. Nos gastos recoñecidos pola Autoridade figuran máis de 67.000 euros en publicidade e patrocinios con xornais e televisións viguesas. Torres y Carrera gañou o contrato para a organización do acto mediante procedemento negociado, que só se pode empregar para contratos inferiores aos 30.050 euros, segundo denunciou o senador popular Carlos Mantilla. O secretario xeral de Transportes do Estado, Pablo Taboada, respondeulle que non había ningunha “anormalidade”. Taboada xustificou os gastos publicitarios para “mellorar as relacións coa cidade, cos usuarios, que padecen os incómodos tráficos dos camións”. O PSOE impide a investigación do Tribunal de Contas Tales explicacións non convencen ao deputado autonómico Ignacio López Chaves. O político conservador argumenta que a Xunta e o Estado “ocultan datos” da xestión do hoxe alcalde de Vigo, que cualifica de “auténtico escándalo”. López Chaves alerta que o PSOE impediu que o Tribunal de Contas (o órgano fiscalizador do Estado) analizase os gastos da Autoridade Portuaria. Tamén denuncia que a Consellaría de Política Territorial, nas mans dos socialistas, non está a facilitar novas cifras sobre os gastos, alegando que a Autoridade Portuaria depende do Estado pero “vulnerando o principio de cooperación entre administracións”. Por iso, o parlamentario vigués anuncia que pedirá a comparecencia do actual presidente da Autoridade Portuaria. “Seguiremos insistindo”, conclúe.
Abel Caballero presentando o seu cartel electoral o 10 de maio de 2007, o mesmo día que anunciou a súa marcha da presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo. AGN
Descargar Tarifas