Redacción . A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, manifestou hoxe a súa 'decepción' tras rexeitar os sindicatos a proposta dos mediadores da Xunta no conflito do metal e non tela valorado a patronal, aínda que afirmou que o Goberno galego 'xamais vai deixar a mesa de negociación' e nunca retirará ese 'espazo de consenso'.
Beatriz Mato, en rolda de prensa.
Mato lamentou que o conflito pola modificación do convenio colectivo no sector do metal da provincia de Pontevedra estea a día de hoxe "exactamente igual que hai uns meses".
"Onte debería ser un día de alegría", dixo, en referencia a que concluíu o prazo dunha semana dado polos mediadores para que sindicatos e patronal avaliasen a súa proposta, que ofrecía unha subida do 2,5 por cento para este ano; un 1,5 máis IPC para 2010; e un 1,25 máis IPC para 2011, sen que computase nunca un IPC negativo. "Debería terse tido en conta tanto por parte da patronal como dos sindicatos a oferta que puxeron os mediadores da Xunta sobre a mesa", asegurou.
A conselleira defendeu que o Goberno galego "está cumprindo as súas responsabilidades en grao máximo" e que a súa implicación desde a toma de posesión "é absoluta e sen precedentes na negociación de convenios colectivos". "Volvo facer un chamamento apelando a esa responsabilidade que se que teñen", reiterou.
"A Xunta cumpre coa súa responsabilidade ao cento por cento e seguirá estando o tempo que faga falta", insistiu e asegurou que xa se fixo unha proposta e "se hai que volver facer outra, farase tamén".
Mato indicou que ambas as partes admitiron que a situación é "crítica" e os momentos son "difíciles para todos e todos teñen que defender os seus intereses", pero Galiza, advertiu, "non se pode permitir ter un conflito que está complicando a vida a moitos cidadáns, pero sobre todo repercutindo directamente no tecido produtivo".
Descargar Tarifas