PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Secretario xeral do PSdeG
Manuel Vázquez: 'Unha cousa é perder e outra dobrar o xeonllo'

Europa Press O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, amósase ‘absolutamente convencido’ da nova estrutura provincial que implantará o partido. Ademais, solicítalle á militancia ‘superar definitivamente’ a fase tras os comicios autonómicos do 1 de marzo e ‘non confundir perder as eleccións con dobrar o xeonllo’.

Reloxo 04.07.2009 | 17:35
TAGS: Vázquez , PSdeG ,

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG. Pepe Ferrín/AGN

Na súa intervención ante o primeiro Comité Nacional Galego que celebrou o PSdeG tras o congreso de Pontevedra, no que Manuel Vázquez relevou a Emilio Pérez Touriño, o secretario xeral defendeu a estrutura que se materializará nos catro congresos provinciais que os socialistas celebrarán entre outubro e novembro.

Ante os que temen que o organigrama provincial resucite as baronías, Vázquez proclamou que, "non hai que lle ter medo aos cambios, senón que hai que participar neses novos modelos", que defendeu porque permitirá un patrón homoxeneizado en toda España. A estrutura provincial foi aprobada hai un ano no 37 congreso federal, pero Touriño aprazou a súa implantación en Galiza para que o ambiente non se enturbase antes das autonómicas.

Non obstante, para Vázquez, "o modelo por si mesmo non é bo ou malo", senón que hai que optimizalo para conseguir reforzar as estruturas territoriais e que a militancia estea máis representada. En todo caso, a primeira semana de setembro celebrarase outro Comité Nacional Galego no que se pactará un modelo homoxéneo de secretaría provincial para as catro galegas, que desembocará na celebración dos congresos.

Na súa intención de propiciar "a participación activa da militancia", a nova dirección do PSdeG tamén solicitará as súas ideas para a posta en marcha da escola de formación de afiliados, que levará o nome do primeiro concelleiro socialista en Galiza, Francisco Fernández, que exerceu na corporación de Ferrol. Tras setembro, este órgano realizará unha "primeira grande acción" e a partir de xaneiro de 2010 empezará a funcionar "de forma estábel".

Partido que “confía en si mesmo”

Para o líder socialista, transcorridos catro meses dende "o día negro" das eleccións autonómicas, "todo empeza a coller cor" e o PSdeG é "dono" do seu propio calendario, de forma que dende hai 15 días, tras as europeas, está envorcado en "reconstruír a maquinaria política". "Seguramente cometemos algúns erros, pero xa os pagamos. Seguimos sendo un partido que cree en si mesmo", proclamou.

Vázquez situou o final dese "itinerario de renovación" no próximo mes de marzo, cando o partido celebrará a súa conferencia política para afrontar o debate ideolóxico e, despois, "abordar con solidez o reto das eleccións municipais" de 2011.

A xuízo de Vázquez, as europeas foron "a proba palpábel" de que tras a derrota do 1 de marzo, os socialistas "non dobran o xeonllo" porque o partido "resistiu mellor" en Galiza que no contexto europeo e español. Coa vista posta nas eleccións, situou a clave en "consolidar resultados" e facer valer ante a cidadanía que o PSdeG é "un partido municipalista", fronte ao "ataque sistemático" do Goberno de Alberte Núñez Feixóo ás políticas municipais.

Por iso, convidou o seu partido a visualizar ante os cidadáns que "hai dous modelos de facer política" e mesmo asegurou que a dirección socialista non vai tomar vacacións para, ao reinicio do curso, "chegar ao 1 de setembro con todas as estruturas perfectamente engraxadas" e que a política galega estea "marcada polas iniciativas socialistas".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río