PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Non confirma se irá á manifestación contra a fusión
Manuel Vázquez: 'A Lei de Caixas pódese cambiar en 20 días'

Europa Press O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, calcula que a Lei de Caixas, que o Goberno central recorrerá previsibelmente este luns ante o Tribunal Constitucional (TC), 'pode estar arranxada' en '20 ou 30 días' sempre que haxa vontade de 'diálogo e consenso', así como de 'busca de solucións'.

Reloxo 08.02.2010 | 15:36
TAGS: caixas , PSdeG , fusión ,

Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG. Pepe Ferrín/AGN

Con esta fin, tal e como apuntou en rolda de prensa, o seu partido envioulle aos líderes de PP e BNG unha misiva na que avoga por impulsar conxuntamente unha proposición de lei que reforme a actual normativa para adaptala ás directrices que marca o Consello de Estado. En todo caso, anticipou que, en caso de non contar coas outras dúas formacións, o PSdeG presentará a citada iniciativa "so".

"Pero se os tres grupos nos poñemos de acordo, pode aprobarse pola vía de lectura única", razoou, e apelou ao "sentido común" para modificar a normativa e construír así "unha lei constitucional que sexa boa para Galiza". Na mesma liña, apostou por "corrixir" os puntos sinalados polo Consello de Estado e rexeitou que exista "unha agresión ao país" por parte do Executivo estatal.

De feito, o socialista reprobou este "discurso vitimista" e censurou o "infantilismo político" do presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, ao tratar de vender "unha conxura política". Por iso, realizou de novo un chamamento ao "sentido común" xa que, aínda que "é lexítimo" que cada partido "defenda o que quere", o PP "non pode pelexarse coa Constitución".

A fusión e o FROB 'non gardan relación'

A maiores, asegurou que "é mentira" que o recurso paralice unha eventual fusión entre as caixas galegas e o acceso ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) posto que ambas as dúas cuestións non gardan relación. "Outras comunidades que fixeron fusións e sistemas de protección institucional (SIP) nin sequera reformaron a súa lei", ratificou.

"Agora é o momento de mandar parar e facer ben os deberes", resolveu Vázquez, quen chamou ao "diálogo" coas entidades de aforro galegas coa fin de buscar "elementos de unión" entre elas e lograr así unha unión de Caixa Galicia e Caixanova. "Téñeno que decidir elas", sentenciou.

Nesta liña, aclarou que o Goberno central "tampouco pinta nada" na decisión sobre as caixas, polo que enmarcou o recurso ao TC no ámbito de "vixilancia" da Constitución. "Sería un ataque á autonomía do país, porque o Goberno non é ninguén para decidir se hai fusión ou non", resolveu.

"Outra cousa", puntualizou o líder socialista, é a opinión do Banco de España sobre a viabilidade dunha posíbel fusión entre Caixa Galicia e Caixanova, ao tempo que subliñou que esta institución "independente" é quen debe certificar esa solvencia.

Sen dúbidas sobre os 'ataques á cidade olívica'

Por outra banda, Manuel Vázquez rexeitou confirmar se asistirá ou non á manifestación contra a fusión das caixas galegas convocada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. "Irán todos os que sintan que Vigo está sendo agredida", entendeu, e asegurou non ter "ningún tipo de dúbida" acerca dos "ataques" á cidade olívica. "O PP e Alberte Núñez Feixóo, non só no tema das caixas, están a perpetrar un ataque sistemático para erosionar a política local de Vigo", sentenciou o líder do PSdeG.

Preguntado polas declaracións do rexedor coruñés, o tamén socialista Xavier Losada, quen afirmou que lle importaba "un beldro" a opinión do seu homólogo vigués, Vázquez considerou "lexítima" a defensa dos rexedores da súa cidadanía "en momentos de tensión, se ven que é o camiño". "Prefiro que falen, ás veces, non tanto", chanceou, e concluíu que "se fala tanto dos alcaldes socialistas porque o PP non ten alcaldes".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río