PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
ARTIGO RECUPERADO DE A NOSA TERRA EN 1985
Manuel María lembra a Álvarez Blázquez

Redacción .  En 1985, o poeta Manuel María escribía en A Nosa Terra (nº 265) este artigo cando viña de morrer o seu amigo admirado, Xosé María Álvarez Blázquez.

Reloxo 17.05.2008 | 07:20

Alvarez Blázquez dibuxado por Xosé Sesto Alvarez Blázquez dibuxado por Xosé Sesto

Manuel María 
 
Febreiro levounos ao grande poeta catalán Salvador Espriú. Cando aínda non estabamos repostos da dor e do baleiro que nos causou a súa ausencia, o marzal traidor deixounos sen Xosé María Álvarez Blázquez dun xeito súpeto e brutal. Non agardabamos este golpe inxusto e abraiante, que nos deixa orfos e moito máis pobres. E non unicamente a nós. Tamén a esta Galicia incomprensíbel, neboenta e complicada.

Xosé María Álvarez Blázquez era deses homes que xa non hai. En primeiro lugar compre salientar a súa insubornábel honradez. Ante todo e ante todos. Foi unha das persoas da súa xeración que non claudicou endexamais nin no orde político nin no persoal. Nunca pediu nin lle concederon prebendas nin honras. Tivo que traballar moi duramente e en condicións francamente hostís. O seu amor a Galicia era puro, xeneroso e sen fisuras. A súa honestidade intelectual e persoal foi exemplar. Homes como Xosé María desgraciadamente non abondan entre nós. A súa excepcional calidade humana conciliábanos coa vida e afirmábanos, día a día, na loita polo noso país, tan menesteroso en todo. Home bó, intelixente, culto, xeneroso, humilde, cordial e dunha tolerancia ilimitada, ademais de ameno conversador. Comprendía todas as feblezas e para todas tiña perdón. Nunca o emporcou o odio ou a xenreira, pese a sufrir marxinacións e inxustizas. Moitas xentes que tiñan a obriga de ser os seus amigos, na hora da verdade non o foron tanto ou, polo menos, non o foron na medida en que tiñan a obriga moral de selo.

Coa morte de Xosé María Álvarez Blázquez desaparece, de entre nós, o derradeiro grande humanista. Un humanismo galego con orixes en Feixóo e Sarmiento, pasando por Risco e Otero Pedraio e Bouza Brei e que chegaba a Xosé María Álvarez Blázquez. Sabía de todo a conciencia. Todo o facía ben: erudición histórica, crítica, investigación literaria –lémbrese a súa Escolma de Poesía Medioeval Galaico-Portuguesa, os importantes descobrimentos de poemas dos Séculos Escuros, o importantísimo achádego da Égloga de Belmiro e Benigno, de Nicomedes Pastor Díaz–, novela, narración curta, ensaio, teatro, monografías, artigos de prensa... E poesía. Maiormente poesía. Sen esquecer o seu importantísimo labor como conferenciante, editor e espallador da nosa cultura en datas ben adversas e difíciles. De Edicións Monterrei, que dirixiu, saíron as máis fermosas edicións de libros publicados en Galicia. Máis tarde fundou e estivo á fronte da inesquencíbel Editorial Castrelos, que en mala hora perdeu a súa autonomía e semella condenada a morte. A súa colección O Moucho acadou uns niveis de espallamento do libro galego endexamáis acadados. Pese a ser propietario de editoriais importantes sempre andivo remiso para publicar a súa propia obra.

O LIBREIRO ERUDITO.
O coñecemento persoal deste que escribe dos irmaus Álvarez Blázquez –Xosé María e Emilio e máis tarde o resto– data do ano 1951 ou 1952, e foi na misa que, en honra de Rosalía, se celebraba o 25 de xullo en Santo Domingo de Bonaval. Con Emilio e Novoneira temos andado, algún ano, toda a noite do 24 de xullo, en Compostela, do Español ao Derby ou viceversa. Atoparse con Álvarez Blázquez era unha romería. No ano 1949 saíra na colección Benito Soto, de Pontevedra, o delicioso poemario dos dous irmaus Poemas de tí e de mín, cunhas viñetas de Agustín Portela –pois eran dúas, unha para cada irmau– nas portadas e, dentro do volumen, unhos retratos da autoría de Xosé Sesto.

Dende os anos cincuenta e tantos aos setenta e moitos, viaxabamos a Vigo con certa frecuencia. A visita a Xosé María era inevitábel e necesaria para este que escrebe. Na libraría de vello da que era propietario –Aranda, 13–, onde estaba tamén Edicións Monterrei e logo Castrelos moito temos falado, pantaseado e soñado. Nunha ocasión que servidor chegou á libraría non atopou nela a Xosé María. A súa cuñada, que era quen atendía a tenda, díxome que logo chegaría. Agardeino ollando os volumes pra venta. Entrei no despacho de Xosé María, que estaba ao fondo do establecemento, atestado de libros. Nel ollei dous exemplares de El Buho Gallego... do VII Conde de Lemos, anotado directamente por Xosé María Álvarez Blázquez no ano 1951, en edición numerada, feita en papel Guarro de 210 exemplares. Ollei ao meu arredor. Non observei a ninguén. Apañei un exemplar e metino no peto de dentro do meu gabán. Comencei a sentir vergoña e remorsos. Voltei o libro ao seu lugar. Ao pouco tempo chegou Xosé María. Falamos. Pergunteille por El Buho Gallego... Díxome que estaba totalmente esgotado.

—Pro ti tes dous exemplares.
—Como?
Conteille o sucedido.
—Pois non sei se teño dous ou un soio. Si teño dous regáloche ún. Non debía de facelo. Nun caso así róubase un exemplar. Que non é un roubo.

Así é como un chegou a ser propietario do exemplar número 193 de El Buho Gallego... impreso por Peón en Pontevedra.

Nas visitas a Vigo as nosas conversas remataban na taberna do Armando, ao pé da libraría, onde dábamos cabo dunha ou dúas botelliñas de viño do Condado, de Cambados ou do Rosal. Nalgunhas ocasións quedabamos a xantar.

A saga familiar do poeta.
Por Xosé María souben da familia Álvarez. Un abó de seu, Emilio Álvarez Giménez, viñera a Galicia de catedrático de instituto e escribiu en galego. Os seus fillos foron os Álvarez Limeses. Don Xerardo, interesante poeta galego, escritor, pai do tamén escritor Xerardo Álvarez Gallego e sogro de Alexandre Bóveda. Don Darío, pai dos Álvarez Blázquez, forense de Tui, persoa moi querida na bisbarra e fusilado polos franquistas no ano 1936. A vocación literaria dos Álvarez sigue, polo de hoxe, nos fillos de Xosé María, os Álvarez Cáccamo: Xosé María, como seu pai, poeta, e Celso, ensaísta. Da nai dos Álvarez Blázquez tenme falado o pintor Carlos Maside con grande agarimo e fonda simpatía.

A sensibilidade de Xosé Mª Álvarez Blázquez quedou ben reflexada nas Escolmas de Poesía medioeval Galaico-Portuguesa e na dos Séculos Escuros. Dúas obras perfectas, tanto na escolla de poemas como na introdución a cada poeta. Obras cheas de saber, de finura, de profundidade, de apaixoado e lúcido amor. Exemplos senlleiros de como teñen que ser as escolmas poéticas.

Compre salientar a importancia de Xosé Mª como poeta, non debidamente valorada polo de agora. Non é a súa unha obra extensa pero sí intensa. As súas raigames poéticas, as súas fontes, están confesadas por el mesmo: a poesía medioeval galaaico-portuguesa, Rosalía, Amado Carballo e Xoan Bautista de Andrade. Tamén a poesía popular. Obsérvese esta impresionante triada:

¿El é posibre, Señor?
¿O papafigo dourado
iñorará a súa cor?


Ou

¡Non me limpe-lo calzado!
Que eu quero por onde vaia
levar o cheiro do campo


Ou aínda estes versos, prodixio de imaxinismo, que citamos de memoria:

Roda de afiar, a luz;
as estreliñas, faíscas.
¡De tanto afiar a noite,
Noso Señor fixo o día!


Deliciosos e delicados son os seus romances, dos máis fermosos escritos na nosa lingua: Foguetes, Romance de chuvia, o leve e gracioso Romance do Afiador e o Romance do pescador peleriño.
No ano 1955, na Escolma de Poesía Galega. Os contemporáneos, de Fernández del Riego, xa figura o poema Saudade, recollido moitos anos máis tarde en Canle segredo, levemente modificado, do que son estes impresionantes versos.

Iste delor da terra, que me raña
a outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor...


Emocionantes son os poemas sinxelos e verdadeiros de Roseira do teu mencer, oferenda de pétalos desfollados sobor da cova, breve como unha folerpa de neve, da filliña morta. Ou o inesquencíbel Cancioneiro de Monfero, apócrifo que fixo que especialistas de sona mundial coidasen eran auténticas do século XIII as cantigas da autoría de Xosé María. Sen dúbida o seu meirande logro poético é Canle segredo, un libro pleno, maduro, fondo e nostálxico.

¿En que clase de país vivimos que meios de comunicación instalados en Galicia non deron a noticia, ou minimizárona, da perda de Xosé María Álvarez Blázquez? Entre eles cóntase a sucursal de TVE en Santiago de Compostela, tan atenta sempre a preocuparse por personaxiños insignificantes. O feito é grave.

Xosé María Álvarez Blázquez repousa, cecais un pouco canso, mais non decepcionado porque o seu corazón era un facho poderoso de amor a Galicia, perto do mar de Vigo, deprendéndonos a lelos mellor e a sentilos mellor e máis fondamente. Mentras a lembranza de Xosé María se adentra máis en nós e aínda nos resistimos a admitir a súa partida, veñen á nosa lembranza aqueles versos seus, que hai moitos anos nos acompañan:

Quen fora esguío foguete
que na noitiña estoupara,
dempois de rubir o seu
e non degorar máis nada.
A cana na terra: o corpo.
O fume no ar: a i-alma.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil