Bocixa/ Raquel Rei . ANT TV saíu á rúa para celebrar o Día Internacional da Muller, unha conmemoración que fai case un século de vida dende que a Internacional Socialista decidiu celebrala en Copenhague en 1910. Das moitas mobilizacións convocadas en toda Galiza, estivemos na de Compostela para seguir de preto a xornada.
8 de Marzo. Día Internacional da Muller.
A capital galega era unha das sete cidades onde a Marcha Mundial das Mulleres tiña convocadas mobilizacións. Partiu ás 12.00 da Praza do Toural e rematou na Praza 8 de marzo, na Porta do Camiño. Este ano, a crise e as súas consecuencias tiveron especial protagonismo nas reivindicacións: dende o "Contra a crise capitalista luita feminista" de Briga até "As mulleres somos imprescindíbeis para parar a crise", do BNG. Polo medio da manifestación falamos con Laura Bugallo, de TransGaliza e Movemento pola Base, Iria Aboi, de Galiza Nova, Celtia, de Briga, e Nubía Rojas, do Colectivo de Mulleres Inmigrantes Gondwana, e recollemos consignas como "Imos queimar a Conferencia Episcopal por machista e patriarcal", "Onde están, que non se ven, os postos de traballo para a muller?", "Aborto libre, e gratuíto", "Ningunha agresión sen resposta", ou "Rebelión, desobediencia"... E tamén as impresións dalgúns viandantes, que aínda non acaban de ver con bos ollos unha mobilización feminista na rúa. Hai moito por facer...
Descargar Tarifas