Redacción . Os expertos desaconsellan que os menores accedan á rede eles sós antes dos dezaseis anos para evitar riscos.
Un 68 por cento dos nenos de 13 anos de idade contan con ordenador no seu cuarto, segundo un estudo realizado pola Sociedade Galega de Sexoloxía nun instituto de Vigo. Ademais, o 92 por cento deles teñen conexión a internet e a gran maioría deles posúe unha cámara web. Non obstante, os expertos rexeitan que os menores accedan á Rede en solitario "antes dos 16 anos". Ao respecto, o vicepresidente desta asociación, o psicólogo e sexólogo Emilio López, recalcou que este é "un dos principais riscos" aos que se enfrontan os menores, estar só ante internet, xa que se expoñen a pederastas que "tratan de chantaxealos, ameazándoos con distribuír fotos súas que previamente retocaron". Xornadas de Saúde Sexual En declaracións a Europa Press, explicou que esta é unha das cuestións que se abordan nas segundas Xornadas Galegas de Saúde Sexual, organizadas esta fin de semana. Entre os outros riscos aos que están sometidos os menores na Rede, López indicou a entrada en chats, a apertura de correos electrónicos de remitentes descoñecidos e a visita a páxinas web con contidos non seguros. Non obstante, destacou por "relevante" a constatación de que o 88 por cento dos menores entre os que se realizou o estudo (nenos de 1º e 2º de ESO), que tamén recibiron unha charla formativa sobre os perigos da internet, cambiaron a súa forma de usalo, é dicir, comezaron a rexeitar peticións de descoñecidos, deixaron de descargar "indiscriminadamente" arquivos sen comprobar o seu contido e instalaron antivirus e firewalls.
Menor de idade nunha webcam