Redacción . En 1982 o concello de Redondela promoveu un libro homenaxe a Eduardo Blanco Amor. O volume, esgotado hai anos, abríase cun traballo de Xosé María Álvarez Blázquez que, ademais de investigador, novelista e poeta, exerceu como xornalista cultural en prensa e radio. Este é un fragmento daquel traballo qrevelador dun aspecto biográfico que relacionaba ao escritor ourensán coa familia de Álvarez Blázquez.
No meu trato con Blanco Amor non foi asiduo nin fondo. Coñecino ao seu retorno de América e conversabamos nas tertulias comúns, en Vigo, ou nas visitas que por veces me facía no meu despacho de Edicións Castrelos. Era nestas ocasións cando as parolas se delongaban máis e, naturalmente, o tema principal, case único, rolaba en torno dos libros. Non cheguei a lle editar ningún, porque primeiro mo pediu e logo mo despediu. Pero seguimos tan amigos.
Dario Álvarez Limeses e María Blázquez en 1928
Certo serán foi visitarme. Pareceume que non levaba en mentes algúns dos seus temas e teimas preferidos. Logo dun tanteo, sacou a conversa da guerra civil, que el non vivira de perto., Preguntoume algunhas cousas. De súpeto, notei que a súa voz tremelecía e os ollos se vidraban un chisco.
—Quero que saibas unha cousa –díxome. É unha lembranza que levo chantada na alma de por vida. É a máis alta lección de fraternidade humana que teño recibido. Esa lección deuma teu pai.
—Meu pai? Como?
Contouno. A emoción íao dominando pouco a pouco e alonxando de min a imaxe do home distante. Estaba revivindo un trance crucial da súa adolescencia. Aos quince anos fuxiu de casa. Afogábase en Ourense. Comezaba a ser home e estaba cheo de dúbidas. Case non tiña amigos. Non quería estudar. Unha fonda crise dominaba o seu espírito e aínda mesmo o corpo. Non durmía, comía pouco, apenas falaba. Somentes a lectura eran quen de acalmalo. Lía canto papel chegaba ás súas mans, pero ás veces tamén a lectura o afundía máis na inquedanza. Un día meteuse no primeiro tren, camiño de Santiago. Non levaba billete nin cartos. Somentes levaba o seu tremendo desasoego, a súa inconformidade. Pertoda estación de Guillarei solprendeuno a parella da Garda Civil, despois que xa se zafara por dúas veces do revisor. En Guillarei baixárono e outra parella fíxose cargo del. Levárono a pé cinco quilómetros, sin falar palabra, hastra o cuartel de Tui, no arrabaldo de San Bartolomeu. Cando entraban no cuartel saía un señor cun pequeno cabás na man. Era o médico, que fora pasar a consulta semanal ás familias alí residentes. Saudárono os gardas. O médico quedouse ollando para o rapaz, loiro, espigado, de cara triste.
—E logo, porque traen preso a este mociño?
—Fuxiu da casa.
—E de onde é?
—É de Ourense. Viña no tren sen billete e tampouco ten cartos. Polo visto, gústalle a aventura.
—Que van facer con el?
—Mañán mandarémolo alá, porque hoxe non hai tren para Ourense.
O señor do cabás pousoulle a man na testa ao rapaz.
—Como te chamas?
—Eduardo. Eduardo Blanco Amor.
—Gustaríame moito falar contigo. E a tí?
—Bueno... pero...
O médico pediu aos gardas que lle confiaran a custodia do mozo. Deulles a palabra de que non fuxiría e que ao día seguinte el mesmo o levaría á estación de Guillarei para que tornase ao fogar. Os gardas consultaron o asunto co comandante do posto, que consentiu.
Empardecía. Foron subindo sin presa a costiña das Olivas.
–Mira, Eduardo, eu non quería que pasaras a noite no cuartel nin que te levase os gardas conducido, como se foses un rateiro, comprendes? Ademais, non fixeche unha cousa tan mala. Nunca estiveches en Santiago, non sí?
—Non, señor.
—Bueno. Es moi novo. Xa irás.
Chegaron á casa. Na entrada había unha placa que dicía: Darío Álvarez Limeses. Médico. Nunca máis esquencería Blanco Amor aquel nome nin a a vella, asosegada, silandeira cidade de Tui.
Falaron moito aquela noite, denantes da cea e na longa sobremesa.
—O que máis lle agradecín a teu pai –díxome Eduardo– é que me tratou como se eu fose un home feito, non como un rapaz escarriado. Nada de sermóns. Nada de palabras fortes. Ofreceume un pitillo, pero eu daquela non fumaba. Ceamos. A túa nai era unha muller fermosísima, cunha dozura no ollar e no sorriso que me engaiolaron. na sobremesa deixounos, porque tiña que atender a un cativo de meses.
—Era eu –aclareille.
Blanco Amor sorriu.
—Serías ti... Tiñan outros dous nenos, de tres e cinco anos, máis ou menos.
—Si, Darío e Celso. E logo?
—Durmín na vosa casa. Durmin dun tirón, como había tempo que non durmira. Que paz! Pola mañán cantaban os paxaros na horta.
Calou un momento Eduardo, coa ollada posta no pasado, mirando un tranco da longa película que levaba dentro. Eu tamén calei, porque tamén eu tiña moito que mirar atrás.
—Mentiría si che dixera que as palabras do teu pai foron para min palabras de santo. Non. Foron palabras de home, palabras de irmán maior...
—Palabras de médico, acaso.
—Xusto. Ou, millor aínda, palabras de curador. Iso é!
—Tornache a Ourense...
—Home!
Novamente calou Eduardo. Vin como os beizos lle tremaban. Outra parte da película corríalle detrás dos ollos. Cun tremendo esforzo contiña as bágoas.
—Como sabes, eu estaba en América non ano trinra e seis. Non son home dado a chorar. Coido que teño chorado demasiado pouco na miña vida. Cando me enterei alá do vil asesinato de teu pai, chorei a rego. Has de saber que el foi o primeiro amigo verdadeiro que tiven na vida...
Os ollos de Eduardo Blanco Amor espallaban luz. A espléndida luz que se acochaba tras as néboas do seu distanciamento.
* * *
Na verdade eu xa coñecía a historia. Contáranola o noso pai cando xa os tres irmáns maiores eramos mociños. Seguramente a sacou a conto co gallo dalgunha falcatruada nosa. Conforme Eduardo ía falando, o recordo do relato paterno avivecíase na miña memoria. A grande sorpresa foi saber que aquel fracasado émulo de Curros Enríquez era Eduardo BlancoAmor, o esgrevio novelista que tiña dediante de min. Non llo descubrín a el, por non lle tirar unha parte da emoción con que me estaba a relatar un capítulo inédito da súa propia novela. Porque o Eduardo, aparte do impulso emotivo que o levou a me facer a confidencia, gustáballe a bricandeira, un tanto infantil, de espertar a sorpresa. Era outra maneira de ciscar a luz por medio da súa palabra amena, raiolante, adubiada sempre cos matices suxestivos do narrador nato.
—Heino de escribir un día –díxome por despedida. É unha homenaxe de gratitude que lle debo a teu pai.
Foise e deixoume a soias coa miña película interior.
(Vigo, outono de 1981)