Redacción . A Deputación Permanente do Congreso acordou crear unha subcomisión para analizar a reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral, de xeito que facilite o voto emigrante, na primeira semana de setembro. BNG e PP retiraron as súas peticións para convocar agora unha xuntanza extraordinaria con este fin pero se manteñen á expectativa.
A Comisión Constitucional manterá unha xuntanza na primeira semana de setembro para crear a subcomisión, de tal xeito que o Pleno do Congreso, previsto para os días 10 e 11 do vindeiro mes, poida ratificalo. Este foi o compromiso formulado hoxe polo deputado socialista Jesús Quijano na Deputación Permanente da Cámara Baixa. A iniciativa permitiu retirar da orde do día sendas peticións do PP e do BNG, este último co apoio do grupo de ERC-IU-ICV, nas que solicitaban acordar unha xuntanza extraordinaria da Comisión Constitucional para aprobar a creación da referida subcomisión. Escepticismo do BNG O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, manifestou o seu “escepticismo” ante a insistencia do PSOE e da Vicepresidenta do Goberno de activar nas vindeiras eleccións o voto electrónico para os residentes ausentes. O nacionalista asegurou que o seu partido sospeita que se trata dunha “distracción para non implantar con urxencia o voto en urna”. Francisco Jorquera considera “imprescindíbel garantir o voto libre e secreto dos 350.000 galegos e galegas inscritos no CERA e iso só se pode facer homologando o sistema de voto no exterior e no interior, é dicir, establecendo o voto en urna como opción preferente”. Reacción do PP Pola súa banda, o voceiro adxunto do Grupo Popular no Congreso dos Deputados, Celso Delgado, pediulle ao PSOE que abandone o que considera unha “estratexia dilatoria” e asuma a súa responsabilidade facilitando a reforma da Lei Electoral, de xeito que os residentes ausentes poidan votar en urna nas vindeiras eleccións que se convoquen. Tras a celebración da Deputación Permanente, o deputado popular acusou aos socialistas de “buscar coartadas para evitar acometer a reforma”. Segundo dixo Celso Delgado, “non é razoábel que o señor Touriño vote no Parlamento galego unha cousa, que Zapatero vote a contraria en Madrid e logo pretendan utilizar a subcomisión para dilatar o asunto”.
Urna Electrónica empregada polo Goberno Basco.
Descargar Tarifas