Redacción . Un especial concerto de Luar na Lubre ao pe da Torre de Hércules será o punto forte do Festival dos Mares Oceanus, nun evento que supón o regreso do grupo á súa cidade logo de catro anos sen tocar nela e que terá coma contorna o mesmo lugar que foi portada dun dos seus discos.
O tenente de alcalde do concello da Coruña, Henrique Tello, e os membros do grupo Luar na Lubre presentaron hoxe o concerto que ofrecerá mañá sábado a formación musical coruñesa no contorno da Torre de Hércules dentro do Festival dos Mares Oceanus. Esta actuación, que comezará ás 22 horas, leva por título '20.000 notas de viaxe submarino', e supón a volta á súa terra deste grupo, que non actuaba na Coruña dende hai catro anos. Os músicos farán un percorrido pola súa intensa traxectoria ó longo de máis de vinte anos, interpretando temas emblemáticos do seu repertorio, e presentarán o seu último disco, Camiños da fin da terra. O tenente de alcalde salientou a importancia de que un grupo coruñés de tanta transcendencia no mundo musical galego volva a actuar na súa cidade, nun concerto “necesario e emblemático”, e nun “escenario ideal” como é a Torre de Hércules. Henrique Tello engadiu que esta actuación é un dos elementos emblemáticos do Festival dos Mares, xa que Luar na Lubre é “un dos embaixadores máis importantes a nivel internacional da Coruña”. Para os integrantes de Luar na Lubre este concerto supón tamén a “volta a casa” e “o reencontro coa nosa xente”, segundo indicaba o músico Bieito Romero, que acudiu á rolda de prensa celebrada hoxe no Palacio Municipal xunto con Sara Lourenço, vocalista da formación. Salientou tamén que o feito de actuar na Torre de Hércules ten un “significado especial”, porque é “unha icona importante” e foi portada do seu disco máis vendido e recoñecido. Bieito Romero coincidiu con Henrique Tello ó asegurar que se consideran “embaixadores da cidade e o país”, xa que teñen “a sorte de percorrer todo o mundo” e están “moi orgullosos” de dicir que son “galegos e coruñeses”. Durante este ano viaxarán a países como Italia, Croacia ou Bélxica, ademais dos concertos que teñen programados en numerosas cidades do Estado.
Luar na Lubre e Henrique Tello. CDC