Manuel Vilas . Premiar no reparto de subvencións aos comerciantes que rotulen en galego e introduzan a 'oferta positiva'. Este é o fin da proposición non de lei que PSdeG e BNG sacaron adiante hoxe no Parlamento. O PP desmarcouse alegando que 'promover nunca pode transformarse en impoñer' e argumentando que 'España comeza en Galicia'.
Bieito Lobeira no pleno do Parlamento de Galicia. M. V.
Ante a negativa dos conservadores, o deputado do BNG, Bieito Lobeira, exclamou que “hoxe o PP é refén de La Razón, do ABC e da COPE”. Tamén acusou aos populares de apoiar aos que “combaten a identidade do país”.
Problemas de Pradolongo
“Consideran que temos o dereito de recibir facturas en galego no noso país?” preguntou o nacionalista. Lobeira exemplificou a discriminación que vive o galego nos problemas que ten o filme Pradolongo para exporse en Santiago de Compostela polo feito de estar na lingua do país.
PSdeG: “conservar todas as linguas”
Dende as bancadas socialistas, Francisco Cerviño interpretou a negativa popular como produto do “clima de crispación alentado pola COPE e o diario El Mundo”. Cerviño destacou a necesidade de “salvar o galego” e de “que os que queiran vivir en galego poidan facelo”.
“Os que queren vivir en castelán non teñen dificultades, ou só poden telas nalgún caso concreto”, argumentou o socialista. Para Cerviño o obxectivo da Xunta debe ser “conservar todas as linguas”. “Cómpre facelo afrontado a realidade, que a presenza doutra lingua potentítisma, o castelán, que está aquí para sempre”, argumentou o Parlamentar, quen destacou que o castelán “é a lingua nai dun millón de galegos”.
Visión do PPdeG
A Xunta pode alentar pero non impor o uso do galego. Este foi o principal o argumento dos populares galegos para rexeitar a proposición.
O deputado Maximino Rodríguez Fernández argumenta que a iniciativa vulnera “o principio de liberdade lingüística” dos comerciantes. Rodríguez falou contra o “alporizado alarmismo” en torno a situación actual da lingua, que cualificou de “contraproducente”.
“España comeza en Galiza”
“As linguas pertencen as persoas e son as persoas as que teñen dereitos” explicou o político de Celanova. Como alternativa a proposta do bipartito, o PPdeG lanzou emendas nas que se apostaba polas campañas de fomento e elaboración de vocabularios específicos. Tamén se insistía en garantira a total liberdade dos comerciantes para rotular nun idioma ou noutro.
Maximino Rodríguez rematou a súa intervención citando a Ánxel Fole, quen nun texto en castelán, escribiu que “para un galego cabal, España comeza en Galiza”. Pola súa banda, Cerviño citou a Otero Pedraio e Xesús Alonso Montero para destacar a necesidade de protexer a lingua propia do país.