PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Viaxes do corazón, de Xosé Manuel García Trigo
Literatura da vida diaria e do esencial

Xosé Manuel Eyré A xeito de diario, o autor vai pescudando na súa propia biografía, arelas, frustracións, recordos e maneiras de ver a vida.

Reloxo 29.04.2009 | 20:55

Xosé Manuel García Trigo asinando exemplares do seu libro Xosé Manuel García Trigo asinando exemplares do seu libro

Viaxes do corazón

Autor: Xosé Manuel García Trigo.

Edita: Galaxia.

Dicía Georges Bataille que a literatura ou é esencial ou non é. Lembro esta sentenza cada vez que reflexiono sobre as Viaxes do corazón. Subtitulado como Diario ínfimo, o que é unha arte de avisar o lector, xa non da calidade, pois resultaría presuntuoso por parte do autor, mais si da cualidade pois contén fundamentalmente exercicios literarios que tenden a se concentrar en poucas liñas. É, pois, outro libro adscribíbel á emerxente Literatura Mínima, que vén sendo a de máxima actualidade por ser a máis vangardista. O que non deixa de ser curioso, pois trátase, a de García Trigo, dun tipo de literatura moi antiga, que comunmente foi abeirado ás marxes do feito literario excepcional, aínda que estas Viaxes do corazón nos levan directamente á orixe do feito literario propiamente dito.

A sociedade actual afíxose a desfrutar o feito literario vestido de aventura, por exemplo, e de tanto facelo corre o perigo de confundir aventura con literatura ou como mínimo de restrinxir o dominio do feito literario de xeito terriblemente empobrecedor. García Trigo desviste case por completo o discurso desta práctica. Existe unha base narrativa dupla, pois dunha banda as anotacións que lemos teñen vida propia e, á vez, funcionan fractalmente como parte do macrotexto que escribe o conxunto. Inclusive unha das series (a que ten a Pastorita como personaxe, sinaladamente) está disposta de xeito secuencial ou como elos que nos lembran (ademais de aflorarnos a sensibilidade) que ese macrotexto tamén hai que telo en conta.
Nas Viaxes do corazón trátase de constatar como cada día contén, mesmo podiamos dicir que está repleto, de instantes tremendamente literarios, tanto na actitude, como na esencia ou na contemplación. Noutrora quizá xulgariamos este tipo de literatura como reivindicación do cotián, e abofé que non sería mentir, mais si obviar o esencial: o rescate do feito literario non pretende ficar na sublimación do cotián senón enaltecer a raíz da literatura. Unha literatura que aquí se nos manifesta como prosas fundamentalmente reflexivas mais ás veces moi poéticas. Literatura para amantes da literatura espida, da literatura que non precisa camuflaxe aventuresca. Unha literatura que actualiza o anecdótico, que se reconforta nel e o fai universal. Unha literatura de cores e de sabores e de melancolías. Unha literatura de lembranzas, nada somos sen o pasado. Unha literatura de soños e de libros, pois non son poucas as ocasións nas que se fai referencia a textos e autores. Hemingway, Gide, Cioran, Yeats, Tolstoi, Valle Inclán, Cunqueiro… o libro xa se enceta precisamente cunha referencia a Hemingway.

Esta sorte de hedra verbal recende a confesión íntima e paixonal, e desde ela, como desde poucos lugares, permítesenos o acceso ao misterio maior da literatura, non aquel no que o aventureiro atopa o Graal, senón o feito literario que se atopa nos recunchos dos días, como Xosé Lois García, en forma poética, achara nas súas Kalendas. O verde frescor, desta hedra verbal que dicimos, non só nos reconcilia coa literatura pura, senón que tamén nos aproxima, de maneira moi efectiva, a figura do escritor, levándonos da man até as residencias secretas da literatura, que finalmente non están tan apartadas como se cre.

Logo dos Extintos básicos (1998) e do máis recente Reserva especial (2004), eis unha nova oportunidade de desfrutar con García Trigo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río