Redacción . Coincidindo co Día das Letras librarías, editoras e escritores ourensáns poñen en marcha 'LiterAuria', un espazo de difusión do libro e a literatura galega que durante tres días encherá de actividades a cidade.
Caride Ogando, Ramón. Paco Vilabarros
Marcos Valcárcel será o encargado de inaugurar o venres 16 a partir das 12:30 o programa de actividades de LiterAuria, Lar das letras, a iniciativa coa que as Librarías Eixo, Tanco e Torga, así como as editoras Difusora, Duendebux e Linteo e os escritores Camilo Franco, Francisco Fernández Naval Chisco, Xosé María Pérez Chesi, Ramón Caride, Xerardo Méndez e Xosé Carlos Caneiro queren festexar o Día das Letras.
Pola carpa, instalada na rúa Paseo, pasará ademais ese mesmo día Pepe Carreiro, autor da serie infantil Os Bolechas. A xornada pecharase co espectáculo Palabras contadas, a cargo de Camilo Franco e Magín Blanco.
O sábado 17 terá lugar a partir das 12:30 un recital poético no que intervirán Xosé Carlos Caneiro, Xosé Antón Laxe Martiñán e os nenos do colexio Irmáns Villar recitando a Álvarez Blázquez.
A xornada do domingo ábrese co espectáculo de monicreques Varietés a cargo da Compañía Seisdedos. Xa pola tarde celebrarase a mesa redonda 'As industrias do libro na cidade', que cotará coa participación de Alfonso Prada, Manuel Ramos e Xosé Lois Vázquez.