PUBLICIDADE
Mércores, 08 de outubro de 2008
Teresa
Moure
Escritora
Libertaria
 15.05.2008 | 18:27

Hoxe falarei de Libertaria, a cidade onde habito. Ao entrares, verás que non chegou aínda a moda da última tempada porque os camiños están cortados a chupe e as convencións esvaran sen arraigaren. En Libertaria non hai reloxos, nin festas de aniversario, porque rexistrar o paso do tempo a ninguén puido parecerlle aquí importante nunca. Nesta cidade, as xentes escoitan os relatos do transeúnte na música que os fixo, sen recorreren ao inglés e, cando deciden abrir a boca, as palabras xorden anovadas, como acabadas de inventar. Se chegares a Libertaria, sorprenderaste de que as mulleres florezan como lirios e os homes teñan as mans suaves: como non teñen que mentir con palabras deformes nin contar o paso dos días, poden dedicarse a acompañaren os ríos na baixada ou a varreren a praia. As árbores forman parte das familias e as crianzas axudan a soster o peso das pólas das máis anciás. O apego á propia cidade vese aquí tan merecedor de respecto como todos os amores libres. En Libertaria os matices achan recunchos onde se pendurar para resistiren ao pensamento único e ás trampas do poder. A tenrura cultívase en testos para que, por minúsculo que sexa o cuarto onde se more, toda a cidadanía goce dela como dunha conquista social. Libertaria é unha cidade en construción. Mais sempre é posíbel mudarse. “Non te conformes”, lerás nun cartel nada máis entrar na cidade... e saberás que estás en Libertaria.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil