Os estudos sobre consumos culturais confirman unha tendencia imparábel e que marca unha brecha entre xeracións. Un antes e un despois que se non se comprende fai fracasar moitas das políticas culturais, ancoradas aínda na cultura gutemberguiana dos últimos 500 anos. Agora lese moito máis que antes, aínda que baixe a lectura de libros e de xornais, aínda que o pensamento dominante siga adulando o papel como único soporte cultural, aínda que moitos sigan pensando que a xente nova non ten interese pola cultura. Só porque non manexa o libro e o xornal, un soporte idolatrado que os novos consideran obsoleto. As redes virtuais e os medios audiovisuais cambian os modos de ver e ler, as formas de reunirse, de falar e de escribir. O mundo vive unha transformación que non pode deixar indiferente a industria cultural e os políticos.
O informe “Comprometer a Novos Lectores”, da Asociación Mundial de Xornais, marca xa como principal camiño dos editores de xornais a captación de novas xeracións de lectores que free a caída dos soportes tradicionais fronte ao crecente mundo dixital. Algunhas das conclusións do informe indican que máis de seis de cada dez enquisados sinalaron que os lectores de niveis primarios de universidade séntense atraídos igualmente polos medios impresos e electrónicos. Cerca do 50 por cento dos consultados dixo que os mozos utilizan os seus teléfonos móbiles máis que calquera outro medio para conseguir noticias.
Pensar que o papel é o único soporte con credibilidade, científica ou cultural, é un erro que nos pode levar a moitas equivocacións no futuro.