Eva Estévez . Ninguén é profeta na súa terra, nin sequera a 'Pataca de Galicia'. Esta marca de calidade que conta con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e cun reputado posicionamento no mercado estatal, apenas ten presenza nas froiterías e supermercados galegos.
pataca Kennebec
Para remediar este contratempo o Consello Regulador firmou varios convenios e acordos comerciais con distintas cadeas galegas de distribución e comercialización de alimentos e editou un receitario que presentou recentemente no Salón do Gourmet.
Baixo o título “O corazón da cociña galega”, a publicación inclúe, ademais de datos sobre as particularidades e bondades da “Pataca de Galicia” e o funcionamento e normativa do seu Consello Regulador, un conxunto de varias receitas feitas no restaurante do Hotel Xinzo coas que sacar o mellor partido deste produto natural. En croquetas, chulas, recheas, en ensalada, con tenreira ou bacallau, son algunhas das propostas que se atopan no receitario que se pode consultar na web do Consello Regulador, www.patacadegalicia.es
Variedade Kennebec
Baixo a marca “Pataca de Galicia” ampáranse os tubérculos da especie Solanum Tuberosum L. da variedade Kennebec producidos nas subzonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá- A Mariña e Lemos (ambas en Lugo), e A Limia (Ourense). As patacas desta IXP cumpren uns requisitos e controis de calidade moi ríxidos para garantir a súa calidade. Teñen un calibre mínimo de 40 mm e máximo de 80, forma entre redonda e oval, ollos moi superficiais, pel lisa e fina, cor da pel marelo claro e da carne branco, textura firme ao tacto e cremosa ao ser cocida. Ademais presenta excelentes resultados nos distintos xeitos de preparación mantendo as calidades de cor, aroma e sabor despois de seren cociñadas.
Estas patacas prodúcense en parcelas aptas inscritas no Consello Regulador seguindo unhas pautas tanto de semente, coidado e recolección, e almacénanse e envásanse en plantas que tamén cumpren uns requisitos esixidos polo Consello Regulador.
O tubérculo comercialízase en envases autorizados de 1, 2, 3, 4, 5, 10 e 15 quilos e de maneira excepcional de 25 para hostalería que facilitan a súa ventilación, conservación e transporte. Nos paquetes aparece o logotipo do Consello Regulador e a lenda IXP e unha etiqueta numerada correlativamente autorizada e expedida polo consello cun logotipo no que figurará obrigatoriamente `Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”.
Na actualidade esta IXP conta con 732 produtores e 11 plantas de envasado e máis de 532 hectáreas de superficie de cultivo.
A colleita deste ano, aínda en fase de semente, aspira a superar os 7 millóns de quilos comercializados da campaña pasada, e a abastecer o mercado até a a nova recolección.