PUBLICIDADE
Martes, 13 de maio de 2008
Até o 13 de xullo
Jorge Macchi expón 'Anatomía da melancolía' no CGAC

Redacción .  Este xoves 8 de maio inaugúrase ás 20.00 a primeira mostra retrospectiva deste artista, comisariada por Gabriel Pérez Barreiro, que recolle varias pezas sinxelas, pero moi significativas.

 08.05.2008 | 14:10

Tempo real, de Jorge Macchi
Tempo real, de Jorge Macchi

Para Jorge Macchi (Bos Aires, 1963), na simplicidade dos obxectos existen máis referencias persoais e sentimentais ca na complexidade. Podemos comprobalo nesta Anatomía da melancolía, realizada en colaboración co Blanton Museum de Austin (Texas, EUA), no soto do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e na Igrexa de San Domingos de Bonaval.

Amais de representar á súa Arxentina natal na Bienal de Venecia do 2005, Macchi acadou nos últimos anos grande éxito de público, crítica, e coleccionistas de ámbito público ou privado. Agora temos a primeira oportunidade de gozar dunha panorámica da súa obra, dende comezos dos noventa até hoxe. Facendo equilibrios entre o conceptual e o emocional. Macchi recorre a diversos soportes (fotografía, vídeo, instalación, libros de artista) para pórnos diante de referentes cotiáns, pero que, logo de pasaren pola súa intervención artística, revélanse excepcional.

O cotián resignificado

Así, unha almofada tensada con cinco cordas convértese nun desacougante Pentagrama (1993), e dúas caixas de mistos suxiren Vidas paralelas (1998). Nostalxia, e mesmo tristura, representada a través de tensión, conflito e ausencias, impregna toda a obra deste artista, que viviu dende o 96 en Holanda, Italia, Alemaña, Francia, Inglaterra ou os EUA, un eterno viaxeiro á procura do seu espazo vital.

O artista itinerante e descubridor de cidades queda patente en Guía de la inmovilidad ou Buenos Aires Tour, (ambas as dúas obras do 2003). Monoblock, do mesmo ano, ou Still Song (2005) fundaméntanse na ausencia, for a través de necrolóxicas cos nomes borrados ou do remate dunha festa que nunca se repetirá. A accidentalidade, o azaroso como desencadeante de procesos, as consecuencias imperceptíbeis que marcan o devir dos acontecementos, é outra das teimas do artista (vémolo en Rotterdam, 1996 – 1998). A loita contra o azar está presente na serie Vidas paralelas (2003), ou na colocación aleatoria de buratos nas follas con pentagrama de Canción marginal (2004)

O carácter efémero das cousas confírelle esa aura de misterio, de de aí a mínima intervención: "canto máis familiar sexa o obxecto e canto menor sexa a miña acción sobre el, penso que a obra é máis efectiva, máis enigmática", apunta o artista. Entre estes enigmas, a música, unha linguaxe que non lle é allea en absoluto a Macchi, logo de tocar o piano. Aquí, a música é contrapunto de accións e obxectos escollidos: unha peza para piano nace dos espazos baleiros que deixan as noticias sensacionalistas, en Música incidental (1997); as notas xorden dunha grande avenida en Caja de música (2004)... E as liñas de pentagrama ascendentes en La ascensión (2005), a banda sonora repetitiva que mestura finais de filmes de Hollywood dos anos corenta en Time Machine (2005, Colección CGAC) ou o violoncello do vídeo Streamline (2006), producida en colaboración co músico Edgardo Rudnitzky, son outra mostra.

O viaxeiro eterno

Jorge Macchi, formado na Escola Nacional de Belas Artes de Bos Aires, recibiu no 87 o título de profesor de pintura. Actualmente vive e traballa na capital arxentina, malia realizar diversas residencias artísticas en Europa dende o 96. A vivencia do desprazamento e a necesidade de pórse a proba en novos contextos, como indica Gabriel Pérez-Barreiro, foron determinantes na súa obra posterior. Presentou La ascensión na Bienal de Venecia de 2005, Doppelgänger na Casa Encendida, de Madrid, e na Galería Ruth Benzacar, de Bos Aires, no 2005; nese mesmo ano, Time Machine, na galería madrileña Distrito4, un ano despois na Galería Kilchmann Martin, México DF, 2006, e no 2007, expón Gallery Night na Galería Luisa Strina, de São Paulo. Colabora co compositor Edgardo Rudnitzky no proxecto The Singer's Room (Galleria Continua, San Gimgnano, Italia, 2008).

O seu traballo está presente en coleccións como a Tate Modern de Londres, o Museo deArte Moderno de Bos Aires, Museo de Arte Contemporáneo de Anveres (MUHKA), Fundación Arco en Madrid, Blanton Museum of Art en Austin (Texas) e o propio CGAC. Anatomía da melancolía presentouse na 6ª Bienal de Mercosul (Porto Alegre, 2007) e no Blanton Museum de Austin. Agora poderemos vela, até o 13 de xullo, enriquecida por achegas como o feito de contar coa igrexa como espazo expositivo para pezas como La flecha de Zenón (1992, en colaboración con David Oubiña) Fin de Film (2007) ou Tiempo real (2007). Amais das 40 obras que integran a mostra, poderemos consultar unha publicación con textos do director do CGAC, Manuel Olveira, e do comisario Gabriel Pérez-Barreiro (comisario xefe da 6ª Bienal de Mercosul, responsable de arte latinoamericana do Blanton, e recentemente nomeado director da Colección Cisneros, (radicada en Nova York e unha das máis prestixiosas do mundo en canto á arte de América Latina).

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil