E non me trabuco. Mándame unha mensa pra que nos vexamos nunha das pontes que cruzan a autovía entre Glasgow e Edimburgo, a arteria principal de Escocia. Por ela circulan en fila, e a uns 25 km/h, un cento de camións. Protestan pola suba dos prezos do gasoil e teñen previsto chegar até o Parlamento escocés e entrevistarse co ministro de Transportes. Tres deles, escoltados pola policía, cruzarán polo centro da cidade e aparcarán xusto diante do edificio da cámara lexislativa.
Pero agora estamos John e máis eu, en medio de ningures, vendo pasar esa recua de camións (e algúns taxis) que se estenden até onde o mundo deixa de ser autovía. Como ando moi preocupado co quecemento do planeta e coa extinción do petróleo (que me deixaría illado nesta illa), dígolle entre asustado e emocionado que hai folga de camións en toda Europa, na India, na China..., e que en España e Portugal xa houbo mortos. El rise de medio lado, en parte porque é pantasma e non necesita da propulsión a petróleo, e en parte porque, como el di, o gasoil non vai facer máis que subir e subir e subir a pesar de todas as protestas. Incluso en Escocia, que é país produtor.
O goberno nacionalista escocés reclama periodicamente a xestión dos impostos que se derivan da extracción de petróleo nas súas augas, e que na actualidade administra Londres. Con eses impostos din que financiarían axudas para os camioneiros, para os mariñeiros ou para os que viven nas illas occidentais, que compran o gasóleo máis caro de Europa. Cando lle conto isto a John mira pra min con cara de despreocupación: encolle os ombros, lémbrame que as pantasmas non pagan impostos, e dime que alguén, dunha forma ou doutra, ten que pagar o gasoil: ou os camioneiros ou os hospitais. Dígolle que xa, pero que este non é só un problema económico, senón social. E fálolle de como en Galicia a maior parte dos camioneiros sn autónomos, cóntolle dos seus horarios, das dificultades laborais, da competencia de condutores doutros países europeos que traballan con infrasalarios, do prezo do peixe, da alimentación saudábel, do despoboamento do campo, etc.
"Aha, e de todos eses problemas ten culpa o petróleo?", dime John.