PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
A vida dos cárceres, en directo na televisión
John e o 'reality' dos presidiarios
Onde John Moore me fala da serie televisiva que o ten engaiolado, 'Banged Up', e onde parolamos dos cárceres escoceses e da dor televisada.
 15.07.2008 | 11:55

Imaxe promocional do programa 'Banged up' Imaxe promocional do programa 'Banged up'

Como levo uns días de bastante atarefe, tiña xa ganas de relaxarme co meu amigo John e irlle algo ao cine, ou pasear e tomarlle unhas pintas no verán escocés, vendo como madurecen as cereixas dos camiños. Pero el é tallante: non, o luns non, que quero ver a televisión. Intrigado, pregúntolle qué botan na tele para que desprece unha pinta: Banged Up, dime, o meu reality favorito da tempada. E de que vai?, pregúntolle. Pois de presidiarios.

Tan forte é o seu interese que tamén eu quedo na casa véndoo. Banged Up conta a historia de dez rapaces que foron malos. Non tanto como para ter fortes condenas de prisión, pero si como para que as autoridades lles dean un bo susto. E o susto consiste en levalos pra un pequeno cárcere abandonado, en Scarborough, e xuntalos en convivencia nas mesmas celas con dez ex-presidiarios (que agora traballan en tarefas de reinserción, sen sabéreno os mozos). O obxectivo deste programa promovido polo ex-ministro cego David Blunkett é redimilos, que non sigan a mala verea, e sobre todo que non queiran ir pró caldeiro nunca máis nunha illa onde os cárceres teñen serísimos problemas de overbooking: case dez milleiros de escoceses están, hoxe mesmo, presos.

Minuto a minuto imos revisando a vida deses dez rapaces, moitos deles orfos, moitos deles fillos ou sobriños de presidiarios: os que andan nas bandas de Londres, os que rouban vellas nas aforas de Glasgow, os que andan a pasar na droga... E aínda que coñezo a preocupación que lle acode ao meu amigo John polo sistema xudicial desta illa, asómbrame que lle guste a serie a el, que naceu 200 anos antes da televisión. "Pois o que me gusta é o ben rodada que está, gústame esa cámara coa que podemos captar as conversas entre os rapaces e os ex-presidiarios, cómo presenciamos esas xuntanzas terríbeis entre vítimas de crimes e os mozos como se estivésemos alí, listos tamén nós pra darnos apertas e chorar ao final".

Pero ti cres que esta dor televisada é boa, que amaña algo nas vidas destes rapaces?, pregúntolle. "Se está ben producido e é abondo dramático, terá audiencia. Se ten audiencia quizais tamén vexan o reality os rapaces que andan nos mesmos malos pasos, ou as súas familias. E se non, cando menos pasarémolo ben. Que máis lle pides a unha noite de luns?".

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil