Tren histórico o día da inauguración da vía Stirling-Alloa. Xabier Cid
1 / 2
O percorrido do tren non é demasiado longo: son só media ducia de millas. Pero comunican a pequena cidade de Stirling (Vilagarcía) coa vila grande de Alloa (Caldas). Neste caloroso maio, e logo duns meses a obras, aí imos nós sentados e parolando nun moderno vagón. Alloa é lugar de certa historia que servía de núcleo económico ás outras viliñas da comarca. Na actualidade é cabeza do concello de Clackmannanshire, ten un gran complexo comercial 24 horas e nela dorme e ve a tele moita xente que traballa en Glasgow, Edimburgo ou no propio Stirling, e que até o de agora empregaba o automóbil ou o tedioso bus.
En realidade, por esa media ducia de millas xa pasara un tren hai anos: a liña que unía Stirling con Dunfermline, e que cruzaba por Alloa, empezou a funcionar en 1850 e deixou de facelo hai uns 40 anos, a finais dos 60. Agora o goberno escocés decidiu reabrila, variando algo o trazado e acometendo as melloras técnicas necesarias, cun duplo obxectivo: darlle transporte de mercadorías a unha central térmica nas proximidades e reducir o transporte privado. Saen os trens a cadora de Stirling para Alloa, e de Alloa para Stirling, e vai xente neles. Sobre todo, ao entrar e saír de traballar. O anaco sen vía que prosegue dende Alloa até Dunfermline está, e quizais siga estando, sen recuperar: no seu sitio, discorre un carril bici duns vinte km, chan e repousado.
Pero o meu amigo John Moore non está para andar moito na bici, e volvemos tamén no tren. E ao ver a miña sorpresa e a miña ledicia diante de que no século XXI o goberno decida ampliar as liñas de tren de proximidade, John pregúntame se en Galicia non pasa o mesmo.
Eu enchufo a máquina das lembranzas: cando foi a última vez que se abriu ou reabriu unha estación de tren en Galicia? "Témome", dígolle a John, "que pasou máis tempo ca o da vida dun home". "Ah", dime el, "diso se trata, da vida dos homes".