Cartaces electorais de Glasgow. Xabier Cid
Teño que pasar o día do Santiago fóra de Escocia. Pero mentres loito co ruído e coa calor dunha cidade mediterránea pra poder durmir, chégame unha sms do vello John: "o sismo do que falaramos tivo lugar: gañou o SNP nas eleccións de Glasgow Leste".
Cunha taxa de paro de arredor do 20 por cento, Glasgow Leste non é o mellor sitio de Escocia para abrir unha tenda de Roberto Verino. Os seus 80.000 habitantes esténdense por barrios de vivendas iguais, e encabezan con claridade moitos dos peores rankings: desemprego, subsidios sociais, violencia e delincuencia xuvenil, nenos vivindo na pobreza (40 por cento), menor número de licenciados universitarios, adolescentes embarazadas ou familias monoparentais. Aquí bateu con crueza a crise económica dos 70 e bateu, e aínda bate, a droga. A esperanza de vida masculina é de 68 anos, e desce até os 63 nos barrios máis meridionais. Ou sexa, un lóxico escenario da rodaxe de Trainspotting.
Glasgow Leste é, ademais, un dos corazóns católicos de Escocia. Os inmigrantes irlandeses poboaron os barrios de Shettleston e de Baillieston e construíron aquí o símbolo da súa identidade: o campo de fútbol do católico Celtic, único lugar de toda a circunscrición que figura nas guías turísticas. Na actualidade, os católicos superan o terzo da poboación, practicamente igualados cos protestantes, e son maioría en moitas zonas.
O previsto era que vencese unha vez máis o Partido Laborista, como nas anteriores eleccións e nas anteriores e nas anteriores, e así dende 1955. En 2005 fixérano con 43 puntos de vantaxe, e de todos os sete distritos de Glasgow aquí foi onde colleitaran a vitoria máis avultada: o 60,7 por cento dos votos. Os laboristas superaran frecuentemente a barreira do 60 por cento e incluso do 70 por cento, e nunca caeran por baixo do 50 por cento. Unha vitoria dos nacionalistas, unha forza en alza, era o sismo ao que se refería o vello John na sms.
Pero como non acaba de apreixar o sono e como sei que onde vive John nunca é tarde pra chamar por teléfono, no medio da madrugada falo con el polo móbil. "Os laboristas perderon 19 puntos e os nacionalistas medraron 26. Éche así de fácil. Por 250 votos os laboristas deixaron escapar o superfeudo de Glasgow Leste", resúmeme. "É a fin da carreira política da candidata Margaret Curran, así que seguirá vacante o posto de líder dos laboristas escoceses durante un tempo. Pero é que ademais isto abre unha grosa fenda no cinto vermello de Escocia que veremos se non leva por diante tamén a Gordon Brown", engade.
"Pero, John, que foi o que pasou exactamente pra que no sitio máis laborista de Glasgow gañen os nacionalistas?". "Home, a campaña foi un desastre. Cando Brown adiaba o proxecto de lei sobre células mai pra contentar o bispo católico, a candidata pronunciábase a favor. En plena campaña o goberno anunciou que ía recurtar os subsidios sociais, en particular en dous campos onde o leste de Glasgow é o rei: parados de longa duración e discapacitados para traballar, na súa maior parte enfermos crónicos de alcolismo. E finalmente, a tres días das eleccións, os xornais desvelaban que David Marshall, o ex-deputado laborista agora gravemente enfermo, lle cobraba ao parlamento un alugueiro por ter a oficina electoral na súa propia casa. Pódese facer peor?". E ti cres que mellorará a situación de Glasgow Leste co novo deputado?", pregúntolle, e John, que no seu día foi un rico protestante dos barrios do oeste da cidade, dime cheo de razón: "Non. Incluso se dimite Brown e chega o conservador Cameron ao poder quizais sexa peor. Pero viron medrar o seu orgullo: decatáronse de que 250 votos, incluso se son dos máis pobres cidadáns de Escocia, podían tombar un goberno. E escolleron facelo".