Placa do poema de Rosalía de Castro á memoria de Sir John Moore
Hoxe que pensabamos dar unha volta longa, vai e bota a chover. Non é nada sorprendente, por outra parte, pero temos que mudar o paseo polas agras e veigas de Keir (completadas cunhas pintas), por unicamente as pintas. E alí estamos tomando cervexa tradicional nun pub local, mirando caer a choiva tras os vidros, cando o vello John Moore me fai unha proposta: "por que non me aprendes algo de galego?".
Eu loxicamente penso que será pra entender o poema que lle gravaron sobre a lousa da tumba, obra de Rosalía, e bulo mentalmente pra explicarlle o que significa alumar, rebuligar, y-alma ou n'achara. Empezo aclarándolle que iso é poesía, poesía antiga, que non se escribía como se escribe agora, e el interrómpeme: "Levo 200 anos mirando as mesmas letras de mármore. Cres que desta hora non sei o que significan? O que eu quero é falar algo do galego da xente, do que se usa na rúa. Para falar cos mortos xa sei palabras abondas".
"Ben, John, e por onde queres que empecemos?", pregúntolle. "Eu que sei", dime, "pois... como se di good morning?". "Ui, pois iso é complicado", contéstolle: "os dicionarios din que se di bo día, pero iso é raro de escoitar". "E logo?", pregúntame. "Pois está pasado de moda. Agora cando entras aos sitios, por exemplo a unha tenda ou a un bar, o normal é non dicir nada". "Anda! E quen está no bar, como te atende?", insiste John. "Tampouco di nada. Ás veces dá un pequeno urro inclinando o queixelo pra adiante, e outras xa unicamente o toque de queixelo".
"Ahá, creo que entendo. E please?". "Ah, esa palabra tampouco se di. Antes dicíase por favor, pero agora xa só pasa cando estás afogando nun río e queres que alguén te saque. E iso non che vai suceder, John. Non lembro a última vez que escoitei un por favor". John desencaixa do flipe: "Non o podo crer! Pero thank you dirán os galegos, ou tampouco?". "Tampouco, John. Só cando alguén os axuda dun xeito inesperado e importante. O outro día en Vigo deille as grazas a un señor cando lle pedín un café, e non me debeu entender que mo puxo grande."
"Vaites, e daquela como vos comunicades? Por signos todo?", pregúntame. "A mirada, John, a mirada é o importante".