Redacción . O filósofo Javier Muguerza reflexionou onte en Pontevedra sobre os dereitos humanos. "Non son algo natural senón unha conquista da sociedade".
Javier Muguerza, que ten sido definido como o filósofo da disidencia pola súa persoal visión da ética, foi un dos protagonistas da segunda xornada da XXV Semana da Filosofía que se está a celebrar en Pontevedra. Na súa disertación, o filósofo abordou o tema da igualdade na cultura política contemporánea e manifestou que na actualidade “fálase tanto de igualdade” porque é un ben que “escasea” e, como as utopías, “é un desexo insatisfeito”. “A utopía non se acadará nunca” comentou “pero paga a pena loitar por ela, pola paz e a xustiza, xa que a loita pola utopía é a loita polos dereitos humanos”.
Muguerza distingue ademais tres xeracións de dereitos humanos: civís e políticos, que son os valores do liberalismo; os dereitos sociais, que nacen co socialismo e os dereitos medio ambientais, etnoculturais e de xénero. Ao seu ver o problema xorde cando se quere relacionar esta variedade de dereitos e cando se debe decidir “en que aspectos queremos ser iguais e quen o decide”. “Non nego que o consenso sexa desexábel”, asegura, “para conseguir leis e dereitos é fundamental, pero non debemos esquecer que foron conquistados polos disidentes, xa que os do consenso non llelos permitían”. A xuízo do filósofo “os rostros da igualdade foron acadados ao longo da historia, non son dereitos naturais senón conquistas froito dunha longa loita”.
Na xornada de onte tamén interviron o catedrático de Filosofía da Autónoma de Madrid, Félix Duque, e a subdirectora do Plan Galego de I+D+i, Xulia Guntín. Esta última repasou o estado actual das propostas políticas que se están a levar a cabo en materia de ciencia e tecnoloxía no país. Segundo Guntín “aínda temos un sistema galego de I+D+i desequilibrado e escasamente articulado, cun reducido peso do sector empresarial, máis acusado cando falamos de esforzo financeiro, e con escasa capacidade de absorción de persoal altamente cualificado”.
A xenética e Galiza a debate
Galiza como nación cultural e os prismas éticos e filosóficos da xenética será os temas principais que artellan a axenda da xornada de hoxe en Pontevedra. Durante a mañá está previsto o relatorio do actual director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, Anxo Carracedo, que afondará nos problemas que pode xerar o desenrolo xenético. A partir das 17 horas, Ramón Villares reflexionará sobre a realidade galega mentres que o biólogo Francisco J. Ayala achegará a partir das 20 horas algunhas das claves no camiño cara a evolución e o deseño intelixente.
XOVES, 27
Filosofía do laicismo: cara unha refutación da espiritualidade.
Henri Peña Ruíz (Instituto de Estudos Políticos, Paris)
Horario: 10:30 á 13:30 horas
Galiza: unha nación no mundo
Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega)
Horario: 17:00 á 19:30 horas
Mulleres de negro.
Jumana Odeh Esawee
Ivonne Mansbach
Horario: 20:00 á 22:00 horas
VENRES, 28
A existencia sitiada: filosofía e tempo final
Eduardo Subirats (Universidade de Nova York)
Horario: 10:30 á 13:30 horas
A igualdade: un novo topos?
Carme Adán (Secretaria Xeral da Igualdade)
Horario: 17:00 á 19:30 horas
Lección de clausura.
Hebe de Bonafini
Horario: 20:00 á 22:00 horas