Redacción . A secretaria xeral da organización xuvenil do BNG, Iria Aboi, lembra que 'o nacionalismo e o BNG non serían hoxe entendíbeis sen a contribución de Galiza Nova'.
Iria Aboi asegurou, durante a presentación da campaña do XX aniversario da organización, que "Galiza Nova é hoxe a primeira do país, cunha militancia activa e comprometida, de máis de 2.500 mozos e mozas”. Neste sentido, subliñou que “o nacionalismo galego e o BNG non serían entendíbeis hoxe sen a contribución de Galiza Nova”, onde se formaron moitos dos cadros do BNG. Ademais, lembrou que “os centros de información afectivo-sexual, a rede galega de locais de ensaio, o voluntariado en defensa do monte galego ou as políticas en materia de vivenda para a mocidade son iniciativas que partiron de Galiza Nova e que hoxe podemos levar a cabo coa chegada do BNG á Xunta de Galiza”. Charlas e carteis A organización nacionalista presentou as principais actividades da campaña “20 anos deixando pegada” que percorrerá todo o país e coa que, ademais de celebrar o aniversario da organización, pretende incrementar o número de afiliados. En total, distribuirá máis de 15.000 carteis, 30.000 adhesivos e 35.000 dípticos, ademais de organizar máis de 40 charlas, actos nos centros de ensino e unha exposición itinerante con 10 paneis explicativos dos principais eixos de traballo de Galiza Nova. A finais de novembro celebrarase un acto central no que se presentará un vídeo sobre os vinte anos de Galiza Nova, dende a súa fundación en Compostela o 25 de xullo de 1988.
Iria Aboi e a secretaria de organización de Galiza nova, Noa Fernández
1 / 2
Descargar Tarifas