PUBLICIDADE
Mércores, 14 de maio de 2008
Martiño
Noriega
Alcalde de Teo e médico
In-competencias
 08.05.2008 | 11:29

Corren malos tempos para a lírica, como xa advertían hai anos Golpes Bajos, grupo senlleiro da coñecida como movida viguesa dos 80. Para a lírica e tamén para o bipartito, que é como resulta popularmente nomeado o troco de goberno (PSOE-BNG) que rematou no 2005 con 16 anos da “desfeita Fraga”. Mudar unha herdanza coma esta non é cousa dun día, nin tampouco dun mes. Mudar unha herdanza coma esta implica transformar conceptos socioculturais e tamén estruturais que están fortemente arraigados no país, incluso en segmentos sociais que simpatizan coa nova etapa.

Tan só así se entende a lentitude dun proceso que provocou fortes expectativas de osixenación da vida pública galega e que, a día de hoxe, leva unha ou dúas marchas menos das que o motor social do cambio demandaba e segue demandando.

Nos derradeiros tempos, o goberno galego ten engadido ao seu cadro clínico unha nova sintomatoloxía. Dentro desta, destaca a reivindicación por algúns sectores de cargos públicos da chamada “autonomía ou competencia municipal”, concepto empregado como arma arreboladiza para dinamitar e desautorizar as medidas máis transformadoras do bipartito dende unhas coordenadas de esquerda. Miramos así con perplexidade o fato de críticas feitas polo cabalo de Troia dos mal chamados municipalistas, que nos derradeiros meses se teñen colocado contra a xestión dunha rede pública de escolas infantís, contra a nova Lei de servizos sociais e xa, nestes días pasados, contra as normas do hábitat. Curiosamente, as críticas son sempre feitas a posteriori, cando existe pouca ou nula capacidade de modificar aquilo que se critica e incluso, nalgúns casos, cando un se está aproveitando do feito criticado para o beneficio dos seus veciños e veciñas (coa construción de galescolas, centros de día, etc).

Instalámonos así nunha esterilidade  e nun desdobramento de personalidade que busca desgastar as posicións de consellarías do BNG, dinamitar trocos de fondo nas políticas da Xunta e introducir un elemento de confusión como se estas non fosen asumidas previamente pola totalidade do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño.
Como alcalde dun concello de máis de 18.000 habitantes declárome, polo tanto, insubmiso a estas dinámicas e a esta demanda de competencias. Insubmiso xa que as competencias asépticas e baleiras de contido non benefician a cidadanía, insubmiso porque fun electo para exercer a representación pública dun concello e non para confundir ese rol co dun promotor urbanístico e insubmiso, a fin de contas, porque para min non supón ningún problema destinar por lei unha porcentaxe mínima a políticas sociais e xestionar os equipamentos educativos no seo dun consorcio con presenza autonómica e municipal.

O contrario, ao meu entender, implicaría abdicar dos meus deberes, apuntarme no colexio dos Golpes Baixos e instalarme por méritos propios no común denominador das in-competencias.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil