Xan Carballa . A senadora do PP Corina Porro, sostén que todo galego debe ter a obriga de coñecer o galego pero entende que se dá unha imposición no ensino.
Pensa que o galego debe ter os mesmos dereitos que o castelán? Afortunadamente temos dous idiomas e o galego toda persoa que viva en Galicia debe ter a obriga de coñecelo e, libremente, cada cidadán sen imposicións falar o que lle pete. ¿Isto quere dicir que teñamos que dar o 90% das asignaturas en galego? Ningún informe oficial nin estadística dá ese dato. En moitísimos centros concertados danse todas as asignaturas en galego menos ximnasia e relixión, por exemplo nos Xesuítas en Vigo. Estou en contra do Decreto do Ensino porque hai asignaturas científico-técnicas, como poden ser as matemáticas, nas que non pode haber imposición, porque limitas os alumnos cando van fóra. A imposición provoca rexeitamento en persoas que terían que amar o idioma da súa terra. Daquela considera que está en perigo o castelán en Galiza, como anunciou o Manifesto en Defensa de la Lengua Común? Iso sería unha manipulación do que penso. A miña neta desde cativiña vive rodeada dos libros dos Bolechas e doutros en galego. Eu mesma tentei perfeccionalo, leo a poesía galega e nas miñas intervencións institucionais úsoo. O que digo é que a imposición vía decreto é mala para o galego e para a nosa cultura, porque provoca rexeitamento. E non falo de porcentaxes, senón da libertade dos pais para escoller a lingua na que escolarizar os fillos. E tamén de igualdade nas relacións dos cidadáns coa administración –deben ir todas as comunicacións nas dúas linguas cooficiais–; co comercio, aos que non debe impoñerse a rotulación en galego e que iso lles condicione as axudas. Hoxe hai investigadores competentes aos que non se lle admiten traballos na Xunta ou lle rebaixan a puntuación por non estar feitos en galego. Isto é inxusto.
Corina Porro.
Descargar Tarifas