PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Endurece as condicións do pobo
Honduras suspende as liberdades individuais

Redacción .  O Congreso de facto de Honduras decretou a suspensión de todas as garantías individuais consagradas na Constitución do país centroamericano.

Reloxo 02.07.2009 | 08:08

Militares de Honduras en tanques nas rúas de Tegucigalpa tentan repregar os manifestantes a prol de Manuel Zelaya Militares de Honduras en tanques nas rúas de Tegucigalpa tentan repregar os manifestantes a prol de Manuel Zelaya. Oswaldo Rivas / Reuters

O Congreso hondureño, con excepción do Partido de Unificación Democrática, aprobou onte un decreto que deixa en suspenso todos os dereitos e garantías individuais que están estabelecidos na Constitución da República durante o toque de queda. Así, queda suspendido o dereito de libre asociación, a inviolabilidade do domicilio, a mobilización libre polo territorio nacional ou a garantía de que ninguén pode ser apresado senón mediante orde de captura, entre outros.

O decreto executivo 011-2009, que estará vixente polo menos até o vindeiro sábado, sinala que estas restricións ás garantías individuais se rexen pola lei do estado de sitio.

Organizacións de dereitos humanos xa denunciaron que o exército está detendo dirixentes sociais en distintos puntos do país e recrutando forzosamente mozos e menores de idade.

Mensaxe de Zelaya

Mentres, o presidente deposto de Honduras, Manuel Zelaya, dirixiu esta madrugada unha mensaxe por radio aos cidadáns do seu país, aos que lles recordou que "ninguén debe obediencia a un goberno usurpador nin a quen asuman funcións ou empregos públicos pola forza das armas".

Horas despois de regresar de Washington, onde conseguiu que a Organización de Estados Americanos (OEA) lle enviase un ultimato ao novo Goberno para que sexa readmitido no prazo de 72 horas –algo que xa rexeitou de plano o proclamado presidente, Roberto Micheletti–, Zelaya aproveitou o inusitado apoio internacional á súa figura para lanzar unha mensaxe valente e cargada de confianza nun pronto desenlace favorábel.

"Non debemos deixarnos vencer nin atemorizar, debemos ocupar os nosos espazos sen temor. Xogámonos o destino da nación, o destino dos nosos fillos", proclamou, nunha mensaxe recollida polos medios estatais venezolanos.

O presidente deposto, ademais, animou os seus seguidores a combater, até coas armas, aos artífices do golpe que lle apartou do poder. Así, leu o artigo 3 da Constitución, no que ademais de precisar que "ninguén debe obediencia a un goberno usurpador nin a quen asuman funcións ou empregos públicos pola forza das armas", se apunta que "o pobo ten dereito a recorrer á insurrección en defensa da orde constitucional".

Así mesmo, Zelaya pediulles aos hondureños que participen nas manifestacións pacíficas que piden a súa volta. As marchas de apoio e crítica ao Goberno interino encabezado por Roberto Micheletti sucedéronse nos últimos días.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río