PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Loito no teatro
Harold Pinter, a ameaza tras o silencio

Manuel Xestoso A morte de Harold Pinter, unha figura fundamental do teatro contemporáneo, deixa orfa a escena dunha obra esperanzadora que captaba a cerna dos sentimentos do ser humano.

Reloxo 04.01.2009 | 07:53

Harold Pinter cando soubo do Nobel de literatura Harold Pinter cando soubo do Nobel de literatura. Reuters

En 1953, despois da estrea de Á espera de Godot, moitos preguntábanse como se podería facer teatro despois daquilo. Beckett semellaba tocar fondo na esculca do drama do ser humano, na súa indagación da linguaxe como territorio onde se desenvolve a loita pola ser. Parecía ter chegado máis lonxe do que era posíbel na súa visión do absurdo como medida da relación do home co mundo. Catro anos despois, Harold Pinter estreaba a súa primeira obra, The Room, e daba con ela unha resposta a aquela incógnita: Pinter asumía a lección beckettiana pero, ademais, enraizábaa nun contexto social recoñecíbel, na paisaxe cotiá dos combates polo dominio dos outros que se dan en todos os aspectos da existencia.
 
Non foi por casualidade. Pinter naceu en Londres en 1930, nun barrio obreiro e nunha familia xudía procedente de Europa central. Durante a II Guerra Mundial, foi testemuña de como os bombardeiros nazis destruían a casa onde vivía. Buscando entre os cascallos, logrou recuperar só dúas cousas: un pau de cricket e un poema de amor que lle escribira a unha rapariga da súa idade. Dende aquela, a literatura e o cricket convertéronse nas dúas paixóns que rexerían a súa vida. E con elas, a loita contra a guerra, contra a inxustiza, contra o exercicio despótico do poder.

Co tempo, aquel mozo acabaría estreando en Londres A festa de aniversario ante a hostilidade dunha crítica e dun público que non souberon ver o que alí se estaba xogando. Só o influente Harold Hobson escribiu no Sunday Times que "acababa de nacer un autor importante": agora é recordada como unha desas críticas que salvan a carreira dun dramaturgo, aínda que os xuízos que empregaba eran do tipo "os seus chistes son bos". A seguinte obra, The Caretaker, deulle a razón a Hobson e constituíu o primeiro suceso comercial de Pinter. A partir daquel momento, os éxitos foron enfiándose: The Homecoming, Vellos tempos, Betrayal, Ashes to Ashes… Na actualidade, malia que o seu teatro é esixente e en absoluto compracente co público, non hai temporada londiniense na que non se repoñan, polo menos, unha ou dúas das súas obras. Unha contundente proba de que non sempre é preciso rebaixar o nivel artístico para acadar o favor do respectábel.

Escoitar o público
 
Para nos explicar este fenómeno –certamente pouco habitual– habería que destacar que o teatro de Pinter é o resultado dun cóctel de elementos moi dispares, de entre os cales non é o menos importante o profundo estudo que levou a cabo da forma estética, da teatralidade e da arte de narrar unha historia. A pesar de que non deixou de experimentar durante toda a súa carreira, nas súas obras existe sempre un vínculo coa tradición, unha vaga pero solidamente recoñecíbel atmosfera de clasicismo que os espectadores rexistran e acatan. Lembremos que Pinter foi tamén un actor e que, como tal, aprendeu a escoitar o público.

A partir dese fondo coñecemento da linguaxe teatral, non embargante, Pinter creou unha obra absolutamente persoal. Nela, o máis representativo é a continuada percepción dunha ameaza que gravita sobre os personaxes, sobre a súa identidade. Os silencios que puntúan os diálogos de Pinter reflicten o baleiro intuído ante o sen-sentido da existencia, son a réplica a uns interrogantes ante os cales o home treme estarrecido, temoroso de atopar a nada ao final de todas as respostas. Pero ademais, os seus personaxes móvense nun mundo en que os vencellos entre as persoas amosan descarnadamente as relacións de dominio que se dan na sociedade: no interior da parella, da familia, de calquera grupo social que derive da orde estabelecida. De aí que describan con tanta precisión a violencia impertérrita contida na oculta –pero omnipresente– loita polo poder da vida cotiá.
 
O propio Pinter ofreceu unha clave para interpretar as súas obras como un intento de desenmascarar as intimidacións a que nos expoñen as distintas instancias de poder coas que convivimos a diario. Nos seus primeiros textos, este labor de denuncia presentábase baixo unha modulación máis simbólica. Nos últimos, a vontade política era moito máis evidente. Como evidente foi unha traxectoria persoal sempre solidaria con causas que o converteron nun personaxe especialmente molesto. Nos obituarios dos últimos días proliferaron as voces que lembraban o seu discurso de recepción do premio Nobel, no que arremetía contra os instigadores da guerra de Iraq. Poucos se acordaron do seu compromiso coa revolución cubana, do seu rexeitamento ao xuízo a Milosevic ou do apoio que lle prestou a Peter Handke cando foi censurado en París por tentar erixirse en voz do pobo serbio.
 
E, aínda con toda esa furia e ese inconformismo rebordando permanentemente das súas palabras, Pinter foi quen de construír unha obra esperanzada que captaba con luminosa claridade a cerna dos sentimentos –xubilosos ou aciagos– do ser humano. Unha intensidade que expresaba cun humor exquisito e unha ironía demoledora: pinterescas. A súa depurada arte segue a facer as delicias de todos os entusiastas dos seus dramas. Sen ela, ademais, non poden explicarse os mellores autores anglosaxóns do presente. Alan Bennet, David Hare, Connor McPherson, Sarah Kane… ningún deles sería o mesmo de non mediar Pinter. O futuro do teatro segue, en certa forma, nas súas mans.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río