Manuel Vilas . 'Respectamos as leis locais, non se van a distinguir as caras no caso de que os usuarios non queiran ser identificados' asegura un voceiro da multinacional ante as dúbidas dunha posíbel invasión da privacidade.
Voceiros de Google confirmáronlle a ANT Diario que os seus coches xa comezaron a filmar as rúas de Santiago de Compostela e Vigo. A capital do país e a cidade olívica son as dúas poboacións galegas que estarán na primeira fase do Google Street View no Estado. Esta ferramenta ofrece un rueiro en tres dimensións con fotografías en 360 grados a pé de rúa.
Opel Astra que usa Google para o Street View en Galiza.
1 / 2
“Non se van distinguir as caras dos que non queiran”
A compañía insiste en que as imaxes non invaden a privacidade dos transeúntes. “Respectamos as leis locais, non se van distinguir as caras no caso de que os usuarios non queiran ser identificados” indican dende Google, que explica que “as autoridades están avisadas”.
O problema é que a alta definición das fotos xa permitiu que se publicasen na internet fotos de persoas tomando o sol semiespidas nun parque, saíndo dunha sex-shop ou mesmo asaltando unha casa.
Grandes cidades e núcleos turísticos
O Street View só está accesíbel polo de agora nos Estados Unidos, Australia, o Xapón e Francia. Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Santiago, Vigo, Salamanca e Bilbao son as primeiras cidades estatais en ser filmadas.
O interese da multinacional por cidades máis pequenas como Santiago e Salamanca débese aos seus atractivos para os turistas. Por iso, os coches de Google tamén filmarán as zonas peonís da zona monumental.
Un Opel Astra especial
Os automóbiles son Opel Astra de cor negro, incorporan un mástil cun cámara que graba en 360 grados e están identificados cunha pequeno distintivo corporativo.
Google non informa sobre cando estarán dispoñíbeis na rede as imaxes de Vigo e Santiago, pero explica que é posíbel que as primeiras cidades que se acaben de filmar sexan incorporadas primeiro.
A ferramenta foi lanzada hai un ano e foi elixida pola revista Time como o produto máis innovador do 2007.
Descargar Tarifas