PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Quincy e Perera marcaron dous tantos
Goleada do Celta perante un Cádiz moi frouxo

César Lorenzo Gil O Celta venceu o Cádiz (5-2) no partido con máis goles non só desta tempada senón dos últimos anos en Balaídos. O novo adestrador Alejandro Menéndez contou coa fortuna de encontrar un rival moi feble no seu debú no banco vigués.

Reloxo 18.05.2008 | 20:25

Quincy Owusu Abeyie Quincy Owusu Abeyie. Miguel Núñez

Na novela das esperanzas célticas de subir a primeira esta tempada, Cádiz ten unha relevancia especial, é así como unha "personaxe" desas que fan xirar a dirección dun argumento. No Cádiz-Celta da primeira volta, Juan Ramón López Caro perdeu o seu primeiro encontro e derramou gran parte da súa habelencia ao mando da nave viguesa. E, curiosamente, aquel equipo que primeiro parecía destinado a competir co Celta polos tres primeiros postos e logo sorprendeu coa súa vitoria cando parecía imposíbel vencer os celestes, na súa visita a Galiza desfíxose coma milfollas e xa está a só tres puntos do descenso.
A extrema debilidade do Cádiz explica o avultado marcador e non calquera caste de cambio que Menéndez introducira no xogo vigués. O que cambiou a respecto doutros partidos foi que o Celta tivo opción de ataque, soubo marcar cando tivo tiro e apenas encontrou resistencia no rival. E aínda con todo isto, encaixou dous goles!

Menéndez si quixo cambiar cousas. Primeiro, o sistema de xogo. Do 4-2-2-1-1 de Antonio López pasouse ao 4-2-3-1. O que quería o asturiano era maior control do medio campo, e sobre todo, moitas alternativas de creación entre Antonio Núñez, Fabián Canobbio e Quincy Owusu. Por primeira vez en toda a tempada, ademais, o dianteiro centro (primeiro Perera e logo Diego Costa) tiveron completa liberdade de movementos e case ningunha obriga defensiva, o que beneficiou encontralos case sempre a punto para o remate.

Mais todas estas novidades (especialmente o retorno de Quincy á banda) víronse beneficiadas pola indolencia gaditana. O equipo andaluz foise crebando coma o metal oxidado e certificou finalmente ser o peor equipo que pasou por Balaídos en todo o ano.
Perera, Quincy, Núñez e Canobbio encontraron sempre ocos na defensa e a propia zaga viguesa tivo moi poucos problemas para controlar un ataque cadista que pecou de precipitado e covardón.

Ao descanso chegouse cun 2-0 que agradou os seareiros porque tanto o primeiro tanto de Perera como o segundo de Quincy foron de bela factura. O propio Perera fixo o 3-0 no comezo da segunda parte tamén cun excelente remate de cabeza que estivo precedido dunha xogada individual de Quincy, que amosou gran perseveranza.

O medo no corpo

Coa goleada no papo, o Celta sufriu. Sobre todo porque Rosada desapareceu do campo e o dominio do balón e do terreo tívoo o Cádiz case por inercia. Gustavo López centrou con perfección e Dani marcou o 3-1. Da unión dun ídolo céltico ( o arxentino) e un dos seus antagonistas (o andaluz) o medo percorreu as bancadas de Balaídos.

Mais o temor durou ben pouco. Menéndez viu onde estaba a eiva e colocou a Jorge e Vitolo alimentando o medio do campo. O método funcionou. Gustavo López abandonou o campo cos loureiros da afección e Quincy bebeu dun balón morto na área para bater por cuarta vez ao descendente de galegos Limia.
Pero houbo tempo para o éxito doutro galego. Barreiro, ex do Compostela que gaña a vida no Cádiz B, aproveitouse dun erro do árbitro asistente (que levantou por erro a bandeira, despistando os celestes) para marcar.

Quizais consciente do fallo, o colexiado asubiou un dubidoso penalti sobre Diego Costa no tempo de desconto que materializou Jorge. Ao final, ovación non para a primeira goleada do seu equipo senón para Gustavo López. Cousas da afección de Balaídos.

Ficha técnica

Celta: Esteban, George Lucas, Agus, Lequi, Lago, Rosada (Vitolo, 70'), Michu, Núñez, Canobbio (Jorge, 76'), Quincy, Perera (Diego Costa, 68').

Cádiz: Limia, Cristian, Paz, Caneda, Raúl López, Bezares (Kosowski, 46'), Fleurquin, Enrique, Natalio (Barreiro, 64'), Gustavo López (Gastón Casas, 75') e Dani.

Goles: 1-0: Perera, 31'. 2-0: Quincy, 36'. 3-0: Perera, 61'. 3-1: Dani, 66'. 4-1: Quincy, 77'. 4-2: Barreiro, 90'. 5-2: Jorge (penalti), 93'.

Árbitro: José Antonio Teixeira Vitienes (cántabro). Amosoulles cartóns amarelos a Rosada, Michu e Vitolo, polo Celta, e a Cristian, Raúl López, Fleurquin e Enrique.

Asistencia: 9.000 espectadores en Balaídos.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río