PUBLICIDADE
Sábado, 04 de xullo de 2009
Dirixente agraria do Paraguai
Gilda Roa: "A crise alimentaria é consecuencia da política das multinacionais"

Redacción .  Os monocultivos de soia manipulada xeneticamente están acabando coa terra e coas comunidades campesiñas no Paraguai e en moitos outros países. As novas directivas europeas a prol do incremento do uso de agrocombustíbeis aínda aumentarían a dependencia transnacional deste tipo de producións. Membros do MAP do Paraguai estiveron en Compostela para explicar o que está pasando.

Reloxo 05.06.2008 | 14:04

Ann Maeyens e Gilda Roa (á esquerda), nun almorzo cos medios Ann Maeyens e Gilda Roa (á esquerda), nun almorzo cos medios

Na mañá deste xoves, Veterinarios sen fronteiras xuntou a Gilda Roa, membro do Movemento Agrario Popular do Paraguai, Nina Holland, investigadora do Corporate Europe Observatory, e An Maeyens, antropóloga e coordinadora da Rede Europea ASEED (Action for Sollidarity, Equality Environment and Diversity), na sede do Club Internacional de Prensa, en Compostela, para achegaren unha información que permanece silenciada nos procesos transnacionais de produción e distribución de certas materias primas.

Como explicou Nina Holland, están a mobilizar campañas locais en contra do uso de agrocombustíbeis e a prol da soberanía alimentaria. No cumio da FAO en Roma estase a debater arredor da crise alimentaria global favorecida polo aumento do prezo dos combustíbeis, pero a solución proposta (subsidiar o emprego de agrocombustíbeis para incentivar o seu uso) non faría senón empeorar a situación: "isto só é o inicio, o impacto sobre o prezo dos alimentos vai ser moito maior". A UE quere implementar o uso de agrocomustíbeis até un 10% no 2020. A discusión agora, no Parlamento Europeo, topou con dúbidas que paralizaron os investimentos e as construcións de novas plantas, e en Roma hai un foro alternativo constituído.

Que solucionarían os agrocombustíbeis neste contexto? Nada, pola contra favorecerían a "expansión de monocultivos que producen moito máis CO2, deforestación... "Os agrocumbustíbeis oxidan o aire máis aínda ca os combustíbeis fósiles. E pensando xa en criterios sociais, non favorecen en absoluto o desenvolvemento rural: en Europa, a produción estará subsidiada, pero non no Sur: as compañías mercarán o máis barato, e isto non favorece ao pequeno produtor". Holland puxo en cuestión tamén a sustentabilidade dos agrocombustíbeis. "A UE non quere saber nada de criterios sociais", sinalou, "pero tampouco ambientais: só lle preocupan as emisións de CO2 e a deforestación, pero hai moitos máis efectos no aire, no chan, na auga..."

Ann Maeyens, pola súa banda, sinalou que Paraguai é o cuarto exportador mundial de soia transxénica. Esta materia prima emprégase para ser comercializada en brotes, leticina, ou como forraxe para gando intensivo. Agora hai tamén unha nova demanda de biocombustíbeis. Pero a realidade que hai por debaixo do seu consumo non se coñece: "a soia provoca deforestación, vai eliminando comunidades campesiñas. Quen traballa agora nos cultivos son labregos paraguaios ou brasileiros que viñeron ao país nos 70 ou 80. Traballan unha terra que, ilegalmente, é propiedade de empresarios, e isto choca frontalmente coa familia campesiña que cultiva para o seu consumo". As fumigacións, cada dúas semanas, sobre soia manipulada xeneticamente, de forma que é resistente ao glifosato, provocan tumores, intoxicacións na comida, e malformacións nos fetos.

A aniquilación da soberanía alimentaria

"As familias campesiñas non poden vivir do agro. Marchan á cidade, pero, malia teren moita experiencia en vivir da terra, non hai traballo para elas". O éxodo rural acada proporcións enormes. Os cultivos de soia están a desprazar a poboación rural. No Paraguai non houbo aínda reforma agraria, e quen traballa a terra non é dono dela, senón que a titularidade compártese co Estado. O campesiñado carece de dereitos elementais como infraestruturas, sanidade e educación, e moitas das terras que lles foron regaladas, durante a ditadura de Stroessner, aos amigos do xeneral, seguen nas mans deses terratenentes. "Cando hai calquera problema de saúde, son necesarios cartos, e un empresario ofrece dez millóns de guaranís por hectárea, o labrego non ten outra alternativa", explica Gilda Roa. "No Paraguai, o 1% da poboación ten o 77% da terra".

Gilda Roa é dirixente do Movemento Agrario Popular. Ela é de Caguazú, na rexión oriental, a máis apta para a agricultura (ao oeste do río Paraguai dáse a gandeiría). A súa loita contra a expansión da soia levounos a montar campamentos no medio dos monocultivos, e facer por recuperar as terras que están ilegalmente en mans de multinacionais. Nestes campamentos tentan manter unha produción diversificada para consumo das familias campesiñas. "A crise alimentaria é consecuencia da política das multinacionais: hai outra forma de produción moito máis sustentábel". Sufriron xa tres desaloxos violentos, que incluíron a queima dos seus fogares e cultivos, amais de detencións ilegais por parte da policía de nenos e nenas, persoas maiores e mulleres embarazadas. A morte de 30 persoas ("por intoxicacións, a mans de matóns ou da policía") espertou mobilizacións en todo o país. Ante todo, queren recuperar a soberanía alimentaria, loitar contra a política implementada polas corporacións multinacionais, e crear unha consciencia sobre as materias primas que consumimos, sensibilizar á cidadanía sobre a orixe, as condicións e as consecuencias da produción desa materia prima.

Actualmente, o consumo masivo desa soia vén dado polo seu emprego como forraxe para o gando intensivo e como aceite para agrocombustíbeis. "Os gobernos non esixen que se saiba onde se está producindo o que consumimos", explicou Fernanda Couñago, da ONG Amarante, "non hai control. Xa perdemos unha loita, que foi a relacionada coa etiquetaxe dos transxénicos. E recentemente, quixemos manter conversas con Medio Rural, Industria, e cinco empresas que se van implantar no porto exterior de Ferrol, para sabermos de onde vén o material e que acontece coa súa produción. Pero estas empresas non quixeron dar datos: falan de empregos que van crear, pero non queren dar a outra información, non sabemos se por descoñecemento ou por medo".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río