A Academia Galega, destinada a velar pola lingua da nación, acaba de lle atestar un golpe. Obrigadas a se pronunciaren por unha consulta técnica, as autoridades académicas aseguraron que este é o país dos dous nomes, Galicia e Galiza, que ambos os dous están testemuñados nos textos medievais e se recoñecen como formas históricas da lingua. Até aquí o rigor filolóxico porque, a seguir, a Academia esquece o obxectivo de arroupar a conciencia nacional e insta a usar unha das formas, precisamente a que coincide co español. A linguaxe non é inocente; por iso o rigor filolóxico resulta eslamiado se non se identificar co compromiso. Ao dicirmos Galiza diferenciámonos. Ao dicirmos Galiza conquistamos independencia. Velaí que a tradición disidente co poder nos ensinase a dicir Galiza: para nos construírmos, para nos soñarmos ceibes. Todas as persoas que preferimos Galiza sabemos que a outra forma é máis frecuente, máis popular. Porén, non se trata dunha cuestión de maiorías senón de sementar liberdades. A forma que a Academia avala estará tamén documentada mais non posúe a mesma carga simbólica. O estado condenou algunha vez por queimar trapos que tiñan o aquel de bandeira, demostrando así que todo artefacto pode adquirir un valor simbólico engadido. Parafraseándomos Carvalho, o noso país ou é Galiza ou é a comunidade autónoma galega. As institucións ditan normas; os pobos dótanse de dereitos. Con Galiza disidimos.