Redacción . A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' trasladou unha queixa ante o Valedor do Pobo pola posíbel censura dunha opinión que criticaba a tauromaquia no portal da internet de informativos da Televisión de Galicia (TVG) o pasado 6 de agosto, segundo informou hoxe esta organización.
Nun comunicado, a plataforma asegura que a noticia "si foi emitida no telexornal da tarde, pero non aparece no portal dos informativos www.agalega.info, que administra a propia canle pública", aínda que engade que unha noticia relativa á feira taurina da Coruña emitida nos informativos do mediodía "si aparece na citada páxina web".
Fontes de 'Galicia, Mellor sen Touradas' afirman que esperaron durante varios días "para certificar que non se trataba dun erro por parte dos servizos informáticos", pero argumentan que, tras a denuncia do deputado socialista no Parlamento galego, Xosé Luís Méndez Romeu, "sobre posíbeis indicios de censura na programación do ente público, existen motivos para pensar que é un acto de censura a un movemento incómodo para a nova Xunta", engaden.
Descargar Tarifas