Redacción . As xornadas 'Galicia-Buenos Aires: dúas beiras literarias' reunirán escritores e escritoras dunha e doutra banda do Océano entre o 18 e 20 de xuño.
Organizadas polo Pen Clube de Galicia, en colaboración co Consello da Cultura e a delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, estas xornadas terán carácter anual e desenvolveranse alternativamente na Arxentina e en Galiza. O Consello da Cultura acolleu a presentación do evento, da que se encargaron o seu secretario, Henrique Monteagudo, Luís González Tosar, presidente do Pen Clube, e Antonio Requeni, escritor e expresidente da Sociedade Arxentina de Escritores (SADE).
Neste primeiro encontro, ao abeiro do convenio de colaboración entre o Pen Clube e o Consello da Cultura, lembrarase ao poeta, periodista e escritor José González Carbalho, fillo de emigrantes galegos e tamén docente (foi profesor de Antonio Requeni, quen despois antologou os seus poemas). O encontro contará coa colaboración da SADE, a Academia Arxentina e a Fundación Victoria Ocampo, presidida por María Esther Vázquez. Dende Arxentina participarán María Rosa Lojo, Carlos Penelas ou Rodolfo Alonso.
Galiza sempre presente
Precisamente no segundo día das xornadas, o 19 de xuño, fanse 50 anos do pasamento de José González Carbalho (nado no barrio bonaerense de San Telmo, o 18 de decembro de 1899). Como xornalista, escribiu nos diarios "Crítica", "Noticias gráficas" e "La prensa"), deu clases de literatura española no Hipólito Irigoyen, e deixou libros de poemas como Campanas en la tarde (1922) ou El río que no vuelve (1959).
Amigo do tamén fillo de galegos, Francisco Luis Bernárdez. González, estivo en contacto con Leopordo Lugones, Alfonsina Storni, ou Pedro Miguel Obligado, e participou, nos anos 20, na fundación de "Prisma" (primeira revista mural de poesía)e de "Martín Fierro", xermolo dunha xeración da que formaron parte Jorge Luis Borges, Oliverio Girondo, Francisco Luis Bernárdez, Raúl González Tuñón, Leopoldo Marechal e outros.
Nos 30 Carbalho vinculouse ao grupo literario Signo, xunto con Oliverio Girondo, Norah Lange, Carlos María Podestá, Roberto Ledesma ou a estirpe dos Portela, descendentes tamén de galegos: o músico Óscar e as súas irmás pintoras María Carmen e Margot. Alfonsina Storni, Enrique Amorim e Alberto Güiráldes, eran tamén asiduos de Signo. Carbalho relacionouse, tamén, con Lorca, Alberti e Neruda, quen chega a dedicarlle un poema en Canto general.
Comezou a escribir prosa no 26, co volume de contos El libro de Ángel Luis. Conseguiu cumprir o seu soño de visitar Galiza no 55, logo de escribir o Libro de Canciones para Rosalía de Castro, editado polo Centro Gallego de Buenos Aires. Xa na terra, acompañado polo pintor Manuel Colmeiro, coñeceu e tratou a Paco Fernández del Riego, Emilio Álvarez Blazquez, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, ou Ramón Otero Pedrayo. Desa intensa experiencia naceu Temas de la patria anterior, evocacións da Galiza que atopou.