PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Xosé Ramón
Pousa
profesor da Universidade de Santiago de Compostela
Galego de pago
 19.04.2008 | 21:52

Case tres anos de goberno bipartito non foron quen de mudar minimamente a política de uso do galego nos medios de comunicación, algo tan importante para a lingua como o seu uso no ensino, posto que a comunicación mediática, oral e escrita, é o principal termómetro para a saúde dunha lingua. Certo que o galego mellorou moitas posicións nas últimas décadas, pero o gran contrasentido é que sendo a lingua maioritaria de Galiza, non teña ese reflexo no Sistema de medios públicos e privados.

Este fracaso das políticas públicas, que seguen inxectando máis recursos “atípicos” que nunca nun sistema de medios sobredimensionado, que non é capaz de vivir dos seus propios ingresos, acaba de ser recoñecida no parlamento pola deputada do Bloque Modesta Riobó, dentro dun contexto de precariedade laboral que abrangue a clase xornalística galega e que, amais das cuestións salariais, dificulta informar en galego “malia a ser a lingua da maioría da audiencia e de moitos informadores”.

Teño clara a liberdade da empresa para elixir o idioma vehicular dos contidos, pero o que acontece é que medios maioritariamente en castelán obteñen unha alta rendibilidade dun emprego circunstancial e anecdótico do galego. Non sería mellor limitar as axudas para medios monolingües?

Afortunadamente, estamos lonxe de figurar entre as máis de 3.000 linguas que, segundo a National Geographic van morrer antes do 2010, pero a supervivencia de mil primaveras máis para a lingua pasa polo ensino e a comunicación e, como non, polo acerto na acción de goberno.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río