PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
O Auditorio de Galicia estivo ateigado
Galeano:'As voces diferentes son as necesarias'

Redacción .  O escritor uruguaio Eduardo Galeano presentou onte 'Espejos', en Compostela, unha viaxe polo mundo e o tempo a través de 600 relatos. Aínda está fresco nas librarías o seu título traducido ao galego 'Carta ao señor futuro'.

Reloxo 13.05.2008 | 17:33

Vídeo de Eduardo Galeano en Compostela Espellos que reflicten olladas diversas sobre o mundo, en particular, a ollada crítica das voces que nunca foron escoitadas, das persoas invisíbeis. Iso reúne Espejos, una historia universal, primeiro libro en catro anos de Eduardo Galeano, publicado na editorial Siglo XXI. O escritor, quen mantivo unha xuntanza cos medios de comunicación na mañá deste luns, no Club Internacional de Prensa, a mesma entidade que o convida, un ano máis, presentou o libro ás 20.00 nunha Sala Ángel Brage, do Auditorio de Galicia, a rebordar de xente.

Galeano tamén está este martes, dende as 12.00, na libraría compostelá Follas Novas, para asinar exemplares dos seus libros, e o xoves 15, dende a mesma hora, na ourensá Torga. Xa o mércores 14 presentará o libro ás 20.00 no Salón de Actos do Centro de Desenvolvemento de Caixanova, tamén na cidade das Burgas.

O libro xunta as voces que nunca son escoitadas. "Cómpre distinguir as dores inevitábeis das que non o son", explicou: "non se nace para sufrir, o que pasa é que hai un sistema moi ben organizado para facernos crer que as inxustizas do mundo son produto de fatalidades do destino". O autor, respondendo ás preguntas que o público quixo formularlle, falou do Premio Cervantes ao poeta Juan Gelman como "unha proba de que a xustiza existe", e posicionouse como internacionalista, ao ser interrogado sobre a globalización.

"Eu formeime nos cafés de Montevideo: non tiven máis educación regrada que seis anos de primaria e un de secundaria, pero a miña universidade foi esa; os meus mestres, republicanos españois exiliados , dos que aprendín leccións inesquecíbeis de dignidade, e a escoitar a voz dos vencidos. Deles aprendín o significado dunha belísima palabra: internacionalismo". Espejos reflicte tamén este espírito: "un pode ser compatriota de xente que vive moi lonxe, e pode ser contemporáneo de persoas que viviron hai séculos. Espejos é consecuencia das miñas viaxes ao pasado, sabendo que se ían atopar amigos e amigas neste camiño. A Historia vaimos presentando xenerosamente".

A súa certeza internacionalista non ten nada que ver coa globalización: "ese libre tránsito de cartos e mercadorías, pero non de xente, que antes se chamaba imperialismo. E se non, que llo pregunten aos mexicanos que morren na fronteira cos EUA". Citou a Antonio Machado ("calquera necio confunde valor e prezo") para se referir ao capitalismo, e demostrar "como os países do Sur foron artellados, dende moi cedo, dende a conquista de América, poderíase dicir, ao servizo do mercado que se chama mundial, pero que realmente serve a uns poucos países. Ese mercado necesita brazos baratos, materia prima".

Galeano apuntou tamén á necesidade de desenvolvemento endóxeno para os países do Sur, xa que o mal chamado desenvolvemento cara a fóra é unha trampa que os fai máis vulnerábeis: "se baixan os prezos, estamos fodidos, e se soben, tamén. Costa moito tomar conciencia da necesidade de crear outro camiño".

Ao ser preguntado polas "minorías" indíxenas e as mulleres que chegan a gobernar estados en América Latina, incidiu que non se pode falar das mulleres, a metade da poboación mundial, como minorías, "o mundo estivo en mans de machos durante milenios, os dereitos estiveron monopolizados por eles. Pero nalgún momento ten que rematar". En canto ás "minorías indíxenas", aclarou que non se pode falar neses termos en países onde a poboación indíxena é maioritaria, pero quen ostenta o poder son minorías brancas.

"A nova constitución indíxena que se está a crear no Ecuador, por exemplo, é a primeira que recoñece a Natureza como suxeito de dereito, e non obxecto de propiedade, como foi até agora. Son esas voces diferentes as necesarias, e soan, ás veces, dende moi remotos pasados. Eu coñezo doutores analfabetos, e analfabetos que realmente saben moito máis das verdades esenciais da vida: porque son quen de escoitar aos outros, e de escoitar á Natureza".

Por último, sobre que grao de responsabilidade ten a cidadanía sobre o devir do planeta, o escritor citou a Concepción Arenal: "quen xeneraliza, absolve. Cando todos somos culpábeis, non hai ninguén culpábel. Pero si que hai unha responsabilidade colectiva, temos que facer algo antes de que sexa demasiado tarde".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil