Redacción . A cadea galega de supermercados Gadis distribuirá gratuitamente o sábado 16 un total de 25.000 libros en galego con motivo do Día das Letras Galegas. Tamén repartirá 4,5 millóns de bolsas nos seus estabelecementos nas que se plasmará unha biografía sobre o homenaxeado deste ano, Ramón Piñeiro.
O director de mercadotecnia de Gadis, Antón Cortés, destacou en rolda de prensa o compromiso “especial” da empresa coa cultura e a intención de “dar un pulo á lectura”. Ao longo de sete anos Gadis repartiu de xeito gratuíto máis de 95.000 libros en galego para conmemorar as Letras Galegas. Cortés explicou que estas accións culturais van encamiñadas a “dar a coñecer a figura de Ramón Piñeiro” entre os clientes dos supermercados e que as bolsas serán un “vehículo cultural” para facer chegar unha breve biografía impresa sobre o galeguista aos fogares galegos. Por iniciativas como esta a cadea Gadis recibiu o Premio Francisco Fernández del Riego en decembro de 2008. A obra elixida para agasallar aos clientes de Gadis nesta ocasión é 'Game Over', de Santiago Lopo, un texto a medio camiño entre a novela e a novela gráfica con ilustracións de Norberto Fernández.
As bolsas e os libros que repartirá GADIS
Descargar Tarifas