Diego Costa ten 18 anos. Este dato, por riba da súa nacionalidade ou o seu posto no campo, é o que define o seu xogo. É un neno que fai fútbol con artes de patio de colexio, para o bo e para o malo. Gústalle o balón. Gústalle o caneo e a filigrana, gústalle demostrar que naceu con habelencia nos pés, e faino dun xeito tan descarado que ás veces marca goles como o do domingo, 23, diante do Numancia e outras tantas gaña impacientes apupos por bailar os rivais cos seus movementos de aspirante a gañar 'Fama'.
Como pasa sempre, agora que lle chaman heroe de Los Pajaritos, a onda alta fai que todo o mundo considere vital que xogue no once inicial celeste. É algo típico entre o celtismo: a memoria de peixe. O que non sei é que pensará o adestrador Antonio López sobre todo isto. Primeiro, hai que lembrar que Costa foi suplente en Soria e que no esquema do cordobés ten pouco sitio. Jesús Perera parece o dianteiro centro escollido entrementres manteña fresco o seu cómputo de goles e demostre esforzo en cada partido. Segundo, o posto de media punta polo centro agora ocúpao Michu e tampouco parece claro que desapareza das aliñacións sen clara escusa.
Fóra desas posicións, Diego Costa perde moito. Non se adapta ás bandas pola fame que ten non só de balón senón de área. Para este brasileiro o fútbol é moito máis que conducir, pasar ou centrar a pelota. Cómprelle certo grao de improvisación, que ninguén saiba a ciencia certa que vai facer, nin sequera el mesmo, para así mellorar o espectáculo. Non se fixaron en que cando colle a bóla, sempre ten media centésima de segundo de dúbida? Queda así quieto, como lendo a xogada, xusto antes de iniciar o furacán.
Pero tamén moitas veces queda pensando mentres o rival lle quita o balón. Outras veces agóchase. Tamén adoita esquecer que o fútbol é un xogo de equipo. O propio Antonio López considerou hai só uns días que non estaba comprometido coa situación do club. Mais a pesar de todo, desprezar un talento indómito non é algo que o Celta poida facer. Para os que queremos morrer na carreira polo ascenso co facón entre os dentes, que xogue Diego Costa é unha esperanza, talvez non de vitoria pero si de excelente esgrima de espadachín de película.