PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Fútbol ficción
O empate diante da Real Sociedad asumiuno o celtismo como unha especie de punto e final á tensión, algo así como a entrada a un final de tempada inexplicabelmente calmo, ou mellor dito, sen interese, sen tensión. É bo momento para deixar voar a imaxinación e fuxir dunha realidade tan vulgar.
 15.04.2008 | 09:40

Vídeo de Quincy que percorre os seus mellores momentos

Cando a realidade é así tan baleira, tan falta de engados, tan chea de malos pensamentos, o mellor é deixarse levar pola imaxinación. Para esquecer un fútbol tan mal armado, tan carente de ambición e de espectáculo, hai que facer como eses personaxes cinematográficos que crean unha realidade nova, un mundo no que o Celta ten bos futbolistas, unha directiva capaz de mobilizar a afección, uns seareiros que apoian o seu equipo até o derradeiro alento, unha cidade que respira fútbol e non só o fume diésel dos atascos.

E deixando que a cabeza viaxe soa, un pensa en que se o Celta fose capaz tan só de gañar os últimos tres partidos, hoxe estaría en postos de ascenso. Quizais é unha quimera pensar que sería posíbel encadear catro triunfos consecutivos (o de Soria, diante do Spórting e Real en Balaídos e en Ferrol). Quizais, pero o equipo tívoo ao alcance da man.

Diante dos asturianos, o Celta xogou un partido moi completo e só lle faltou a fortuna para vencer. Con que Diego Costa ou Perera marcasen algunha das moitas oportunidades das que dispuxeron, o resultado sería favorábel ao Celta e volveriamos soñar coa posibilidade de subir á primeira división.

En Ferrol notouse que o equipo xa chegaba sen tensión. Foi esa a característica principal que explica a incapacidade de arrepoñerse, de dar un "golpe na mesa" e reclamar a autoridade dun conxunto que se ten que erixir como nun dos máis destacados da categoría. Na Malata, o Rácing non brillou por enfrontarse a un grande. Brillou diante dun equipo acomplexado que non sabe a que xoga.

O partido contra a Real tivo moito diso tamén. Sen vontade de vencer, acovardado pola súa propia mediocridade, o Celta deixouse facer, entretívose en cambios de posición continuos no medio do campo sen un obxecto claro. Diante de 8.000 espectadores, a metáfora perfecta da tempada era un Jorge Larena agochado nunha banda, temeroso de tocar balón, máis pendente de que o árbitro asubiase o final da tortura. E se, en troques, os célticos apertasen, se de decatasen de que a Real Sociedad non ten maior calidade ca eles, que non merece subir máis ca eles, talvez o resultado fose outro.

Porque o Celta ten que saber iso. Seguro que é inferior a Málaga e Numancia, que funcionan este campionato como equipos e teñen ao seu favor todas as conxunturas, desde as arbitraxes ás sortes dos últimos minutos. Pero non está por debaixo nin de Spórting nin de Real nin de Elxe, tres equipos que parecen destinados a repartir esa última praza de ascenso que ninguén quere reclamar.

Recórdame tanto esta tempada á do ano pasado. Daquela ningún equipo parecía capaz de fuxir do pozo do descenso e un Celta pésimo tivo opcións de salvarse no último partido. Este ano, outro Celta pésimo aínda é hoxe candidato ao ascenso.

Pero o que falla é a actitude, falla a fortaleza mental para crer nas propias posibilidades. Por favor, Carlos Mouriño: sae ao micro e reclama compromiso, non para suar a camiseta senón por orgullo persoal e colectivo. Dille ao adestrador que deixe de convencer a afección de que o importante é salvar a categoría. Nin antes eramos tan bos nin agora somos tan malos!! Vigo e Galiza teñen unha tradición futbolística que se transloce cada semana en tantos campos de fútbol modesto, xuvenil e infantil.

En calquera caso, seguindo con esta idea de facer fútbol ficción, recoméndolles que lle boten unha ollada a este xogador que sae no vídeo. Chámase Quincy Owusu Abeyie, é internacional absoluto con Ghana. Disque xoga no Celta. Imaxinamos todo ver isto en Balaídos? 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil