Redacción . O embaixador do Estado español na Santa Sede e ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, vén de facerlle un chamamento á cidanía para que risque o cadro da achega social a prol da Igrexa.
Na súa visita a Lugo, o embaixador do Estado no Vaticano reclamoulles aos cidadáns que marquen nas súas declaracións da Renda o cadro que corresponde ás achegas sociais a favor da Igrexa. Segundo o ex alcalde da Coruña, deste xeito apoian a “gran obra” que as institucións relixiosas desenvolven na sociedade.
Francisco Vázquez, embaixador de España no Vaticano. AGN
O “político católico”, segundo el mesmo se define, salientou o “magnífico momento” das relacións entre o Estado e o Vaticano, que viven un clima de “diálogo e confianza dende hai unha serie de anos”. Vázquez apuntou que aprecia “unha clara vontade de diálogo” entre a Igrexa e o Goberno de Madrid para superar “calquera posíbel situación de conflito”. O ex rexedor da Coruña, que se opuxera no seu día á Lei do Aborto ao non asistir ao pleno do Congreso que a aprobaba, afirmou que “vive con intensidade” o seu cargo como embaixador do Estado español na Santa Sede.