PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
Di que 'Galiza sería autosuficiente co 100% dos tributos'
Francisco Rodríguez carga contra 'a manipulación dos españolistas'

Europa Press O secretario de Acción Institucional do BNG, Francisco Rodríguez, acusou de 'manipulación' aos partidos de ámbito estatal por manter 'o discurso de que Galiza é un país subvencionado cando sería autosuficiente coa súa propia axencia tributaria'

Reloxo 18.05.2008 | 12:38

Rodríguez, na súa etapa no congreso Rodríguez, na súa etapa no congreso

O novo secretario de Acción Institucional do BNG e máximo dirixente da UPG, Francisco Rodríguez, denunciou "a manipulación dos partidos españolistas" para soster a "patraña" de que Galiza é "un país subvencionado" e fronte a iso proclamou que a Comunidade galega sería "autosuficiente" se recadase o 100% dos tributos.

Como novo responsable de Acción Institucional do BNG, Francisco Rodríguez prepara un traballo no que se fundamentará a posición desta organización política no debate sobre o modelo de financiamento autonómico e que di que ten como obxectivo "desmontar a ofuscación interesada que hai para que a opinión pública galega non esperte" e que é froito dunha "metodoloxía fiscal que é unha aberración".

"Hai un engano brutal porque nos presentan como solidariedade o que non é, nin máis nin menos, que cubrir o que non cobre a porcentaxe da cesta de tributos con diñeiro que é pagado polos contribuíntes galegos tamén, pero que como non o cobre a porcentaxe que nos ceden, nolo devolven en forma de caridade", aseveró nunha entrevista a Europa Press.

Por iso, Rodríguez defendeu unha axencia tributaria propia que recade "tódolos tributos" e que despois se entregue ao Estado "o diñeiro das competencias que desenvolve en Galiza "e que se cree "un fondo común para continxencias de desequilibrios nuns e outros lugares". "Somos as nacións as que soportamos ao Estado", proclamou.

Na súa opinión, os "partidos españolistas" non queren xeneralizar este sistema, similar ao foral que se aplica no País Vasco, porque "se vería que o Estado é un produto das nacións que o están a soportar". Segundo dixo, as balanzas fiscais están "falsificadas" porque "así queda claro que España é cousa de todos" e "baléirase moito a inversión en Madrid para vender que dá".

Non obstante, preguntado se con posicións tan diverxentes como a nacionalista e a de partidos como o PSOE e o PP será posible articular unha postura común en Galiza, Rodríguez estimou que si se pode alcanzar "un mínimo común denominador" para priorizar claves como o envellecemento, a dispersión poboacional e a emigración, "aínda que fose cunha porcentaxe testemuñal, porque está a gastar diñeiro en servizos públicos básicos no estranxeiro".

Ademais, apelou ás forzas políticas galegas para defender "unha axencia tributaria de verdade, non só acompañante da de España". Ao seu xuízo, a negociación bilateral co Estado é "necesaria" para desenvolver "un traballo de negociación por detrás" e non chegar ao Consello de Política Fiscal e Financeira "co prato xa servido".

Ademais, alertou de que "é perigoso intentar dicir que nos convén estar cos pobres". "Non te podes entregar unilateralmente a ninguén e filosoficamente, se te tiveses que entregar a alguén, sería aos que defendesen un sistema de soberanía fiscal plena", dixo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil