PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
O senador tercia no tema da financiación
Fraga contra a extensión do réxime foral

Redacción .  Nunha entrevista concedidaa Europa Press o ex presidente galego, e agora senador autonómico, amósase contrario a extender o sistema foral de Navarra e País Vasco e tamén se pronuncia contra a admisión polo Constitucional do termo 'nación' para Cataluña.

Reloxo 11.05.2008 | 21:09

O senador Manuel Fraga O senador Manuel Fraga. AGN Sobre o futuro do sistema autonómico, Manuel Fraga insistiu na necesidade de abrir un debate, pero rexeitou en calquera caso que se formule a posibilidade de estender a outras comunidades o réxime foral do País Vasco e de Navarra, como propoñen algúns partidos en Cataluña. O dirixente 'popular' aposta, ao contrario, por un sistema común e asegura que a perda de foros en territorios como Aragón ou Valencia, hai 300 anos, "foi un paso adiante para España".

Para Fraga, o sistema foral "debe ser respectado" onde xa existe e como fórmula constitucional "excepcional", pero "non debe ser estendido". "Lamento que teña que dicir isto, pero para min, o ideal sería ter o que todos os países europeos, como Alemaña, Francia, Inglaterra, etc, un sistema uniforme de contribución aos gastos do país", sentenciou.

Manuel Fraga repasou as orixes do mantemento destas peculiaridades forais e asegurou que son froito de que vascos e navarros "estiveron sempre do lado dos que gañaban nas guerras civís españolas e, na sucesión de Felipe V, estiveron con el".

"Gañou tras a batalla de Almansa, á que se agarraron vascos e navarros, e en cambio, en Cataluña ou Valencia, despois do de Almansa, foron suprimidos os foros. A verdade é que iso foi un paso adiante para España, non hai que enganarse", resumiu Fraga.

A nación catalana

Tamén se mostrou contrario o presidente fundador do PP a que se manteña no Estatuto catalán o termo nación referido a esa Comunidade, un dos contidos do texto recorridos ante o Tribunal Constitucional e sobre o que haberá sentenza. O argumento de que incluilo no preámbulo da lei non ten valor xurídico é, na súa opinión, "moi pobre e pouco exacto".

"Unha vez que se pon a palabra, haberá quen tirará dela, estea onde estea. Non hai máis que unha nación que é España, con rexións autónomas que poden levar a autonomía moi lonxe, como eu fixen en Galicia. Pero sen enfrontalas co conxunto de España, que é unha e varia", expuxo.

"Non cabe dúbida de que a palabra nación aí metida serviría de base aos Carod Rovira moito máis que aos que, como eu, pensamos que Cataluña é unha parte, nobilísima, magnífica, fundadora da realidade española", concluíu sobre a cuestión.

Tamén sobre Cataluña, e en relación ao problema de seca que afronta Barcelona, Manuel Fraga foi tallante ao asegurar que "só un imbécil ou un tolo" negaría o transvasamento de auga a esa zona. "Todo o que hai en España é dos españois e hai que repartilo ben, a auga tamén", afirmou. E defendeu a continuación o transvasamento do Ebro previsto no Plan Hidrolóxico Nacional.

"O Ebro, que nin nace nin morre en Aragón, debe servir de base para non ter que recorrer ás fórmulas pintoresca da señora Narbona: tirar a auga ao mar e logo desalgala", agregou.

Reforma do Senado

Dende a súa chegada á Cámara Alta na pasada lexislatura, Manuel Fraga non deixou de defender a reforma desta institución. Tamén dentro do seu partido, que ata o momento non se demostrou tan contundente como o seu presidente fundador ao respecto.

"Esta casa estivo en obras catro veces, un século, pero o Senado non se tocou nunca", di o ex presidente galego, que repasou as sucesivas obras no edificio da Plaza de la Marina Española dende a primeira adaptación da igrexa dun colexio agustino para ser sede das Cortes de Cádiz, en 1814.

Para Fraga, é imprescindible reformar o Senado porque esta é "a coroación do Estado autonómico" e as Comunidades necesitan máis presenza, en vez de "convertelas en lugares de descomposición de España".

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil