Redacción . A Policía Nacional e a Garda Civil, así como a Axencia Tributaria e a Administración de Xustiza presentan os menores índices de uso do galego, mentres que a educación non universitaria rexistra o máis alto, segundo un estudo realizado polo Observatorio da Lingua Galega.
Coche da Policía Nacional. Flickr
Os resultados obtidos indican que o menor Índice de Normalización Lingüística preséntao a Policía Nacional, con 25'93 puntos; seguida da Axencia Tributaria, con 27,9; e a Administración de Xustiza e a Garda Civil, con 29,6 puntos ambas.
Así mesmo, Política Lingüística resaltou o baixo índice de uso do galego no mundo das finanzas en Galiza. En concreto, o INL do ámbito do Comercio sitúase nun 30,41, mentres que a empresa privada presenta un 32,46 e a banca un 33,74.
Os que máis empregan o galego
Segundo os datos do Observatorio, a educación e a administración local e autonómica galega son os que máis empregan o galego. Así, o maior INL preséntao a educación non universitaria, con 88 puntos sobre 100; seguido da Universidade, 71,98, a Xunta, 78,16, a Administración local, 72,28, e as entidades estatutarias galegas, 85,91.
A cidadanía
O Observatorio da Lingua Galega analizou tamén o uso do galego entre a cidadanía. Segundo os datos, hai unha prevalencia no uso do galego, que é a lingua empregada sempre no 30,2 por cento dos casos, e a habitual noutro 17,7 por cento; así como a lingua inicial do 57,6 por cento dos enquisados.
Tamén rexistrou que o galego é a lingua máis empregada no ámbito familiar e social e, aínda que a lingua galega está “en claro retroceso” na transmisión familiar, obsérvase que os máis novos, con menor índice de uso, teñen un maior índice de competencia escrita e lida.
O estudo
Segundo informou hoxe a secretaria xeral, Marisol López, o estudo estabeleceu, a través de case 7.500 enquisas e 22 paneis de escoita, un Índice de Normalización Lingüística, puntuábel entre cero e 100, para as administracións públicas, corpos de seguridade, educación, economía e asociacións, baseado no nivel de uso do galego na rotulación e as comunicacións ao exterior, a adecuación lingüística do persoal, os criterios lingüísticos, o uso interno e a documentación.