Redacción . A Torre de Hércules e a conmemoración do oitavo centenario da cidade centran o Festival de Papaventos da Coruña, que se celebra esta fin de semana na contorna da Torre de Hércules organizado polo Concello herculino.
Papaventos no ceo
Hoxe entre as 10.00 e as 19.00 horas e mañá entre as 10.00 e as 18.00 horas celebraranse distintas actividades con papaventos como protagonistas, entre as que destaca unha coreografía sobre a lenda fundacional da cidade creada expresamente para a ocasión.
Un dos organizadores da mostra, Humberto Fernández, de Festicor, explicou que o espectáculo "será para adultos e moi singular" con papaventos de todos os tamaños e formas, así como de dous fíos, "que se moven só cara a adiante como os avións"; ou de catro fíos, "que son máis complicadas de manexar, móvense tamén cara atrás e poden suspenderse no aire como os helicópteros".
Entre as actividades destaca unha exhibición de papaventos xigantes estáticos conmemorativas do 8º Centenario e da Torre de Hércules. O voo dos papaventos será a cargo do equipo Esste (Gandía - Valencia), auténticos mestres nesta disciplina. Tamén voará un papaventos xigante denominado 'Demo', de trinta metros, que xa se presentou en infinidade de festivais ao longo de todo o mundo, e que necesita a axuda de catro persoas para recuperalo.
Coreografías de lendas
O equipo de voo Imaxina preparou para este festival unha coreografía con papaventos Revolution (papaventos acrobáticos de catro liñas) baseada na lenda de Hércules e Xerión. Ademais desta coreografía creada especialmente para este evento, o equipo presentará diferentes coreografía-shows do seu repertorio. Esta coreografía representarase ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas de hoxe e ás 11.00, 13.00 e 17.00 horas da tarde de mañá.
Durante os dous días do faranse diferentes demostracións de voo e poderanse admirar reproducións de papaventos históricos deseñados nos séculos XIX e XX por grandes científicos e que constituíron grandes avances no mundo da ciencia.
O festival contará ademais cun combate de papaventos, unha disciplina milenaria que chega de Asia e que consiste en derrubar o papavento do adversario.