Redacción . O novo presidente da Real Academia Galega (RAG), o ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín, reivindicou hoxe o respaldo financeiro ás contas da Academia a través da súa inclusión nos orzamentos da Xunta e tamén nos Orzamentos Xerais do Estado, xa que 'ten dereito a iso e así debese ser'.
Tras un recepción oficial que tivo lugar esta mañá na Deputación de Ourense, Ferrín equiparou o caso da RAG co da Academia Vasca, que se atopa "economicamente apoiada polo Goberno de Euskadi, a Deputación Foral de Navarra, as catro Deputacións e o Ministerio de Cultura da República Francesa".
Xosé Luís Méndez Ferrín.
A preguntas dos xornalistas sobre a situación económica da Real Academia e tras o ofrecemento por parte de Xosé Luís Baltar de asinar algún tipo de convenio de tipo económico nun futuro para "apoiar o seu labor", Méndez Ferrín afirmou que o "ideal" sería lograr "unha dotación económica máxima", xa que os seus responsábeis calculan que precisarían ao redor de "1,2 millóns de euros anuais".
Nesta liña, o presidente da Real Academia Galega sinalou que na actualidade teñen que realizar "tarefas permanentes", como a nova edición do seu dicionario, "que é unha tarefa inacabábel"; así como "as terminoloxías, continuar coa toponimia e na onomástica persoal".
Subvencións
Xosé Luís Méndez Ferrín recordou que a RAG non dispón de fondos propios e polo tanto está obrigada a "pedir subvencións finalistas", polo que reiterou o seu desexo de que sexa incluída nos orzamentos da Xunta. Nesta orde de cousas, manifestou que lles vén "moi ben" o "respaldo económico histórico das deputacións", aínda que o considerou "insuficiente" porque estes organismos "tampouco están para iso".
Méndez Ferrín recordou que na actualidade a Academia galega conta cun total de "28 persoas en nómina" e indicou que ante "os previsíbeis recortes de subvencións" a institución está "moi apurada", polo que estiman que serían necesarios 1,2 millóns de euros "para sobrevivir".
Pos o seu parte, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Xosé Luís Baltar, mostrou momentos antes da intervención o "compromiso moral e económico" da institución ourensá coa RAG para que "non pase estreitezas".
Neste sentido, Baltar Pumar ofreceu "desde agora" a posibilidade de asinar un convenio coa Real Academia que lles permita axudar" a institución "en todo o que necesite".
Premio Nóbel
Noutra orde de cousas, Baltar Pumar mostrou a súa disposición a "apoiar" calquera proposta ou reivindicación para que o presidente da Real Academia Galega sexa candidato ao Premio Nóbel de Literatura. De feito, afirmou que nalgunha ocasión a Deputación xa se manifestou a "favor desa petición e por unanimidade de todos os grupos políticos" e aclarou que volverán tomar o acordo cando volva haber algunha proposta".
Esta iniciativa sumaríase así á que por sexto ano consecutivo partiu da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Pen Clube de Galiza para propor a Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato a Premio Nóbel de Literatura.
Consecuentemente, o presidente da Deputación de Ourense recordou que non hai ningún ourensán que sexa Premio Nóbel. "Temos dereito a iso e cremos que o merece", explicou.
Descargar Tarifas