Redacción . O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, admite que é 'preocupante' a redución do Índice de Produción Industrial (IPI) rexistrada durante o pasado mes de xuño. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), caeu un 4,4 por cento con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Fernando Blanco recoñeceu que “as caídas nunca son boas”, aínda que matizou que a caída en Galiza é a “metade” do resto do Estado. Na súa opinión, o IPI referente a xuño confirma a “situación de crise” sobre o tecido industrial e sobre outros sectores “moi importantes”, e augurou que “podería durar”. A pesar de todo, amosouse satisfeito porque a industria galega se manteña mellor que a do resto do Estado e que “a boa marcha do naval e outros sectores” permita “aguantar unha situación que podería ser moito máis conflitiva". Tamén lembrou que a Xunta puxo en marcha medidas para corrixir esta tendencia no sector secundario dende principios de ano e a isto sumou o financiamento dos bancos galegos, co que confía “resistir nas mellores condicións posíbeis”. Concluíu asegurando que na consellaría de Innovación, Industria e Comercio "somos conscientes de que estamos ante unha crise moi dura”.
Fernando Blanco. Otto/AGN