Europa Press . O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anuncia unha ‘resposta cidadá importante e contundente’ á decisión da Xunta de construír un novo hospital en Monte Carrasco, en detrimento da ampliación do actual centro hospitalario de Montecelo.
Fernández Lores interpretou esta decisión como "un paso adiante máis" por parte da Xunta de "privatizar a construción e a xestión da sanidade na área norte de Pontevedra", o que demostra que "van en serio", engadiu en referencia aos responsábeis do Goberno galego. "Cada vez está máis claro que o PP vai quedar só defendendo ese novo hospital privado", asegurou. "Con outros 100 millóns de euros tiñamos resolto o problema para moitísimos anos", explicou o alcalde, quen critica que a decisión da consellaría de Sanidade "non ten nin pés nin cabeza", posto que "vai facer negocio da sanidade pública, que é un piar fundamental das políticas sociais", engadiu. Fernández Lores acusou a Xunta de "dilapidación" porque soster que a súa decisión suporía "deixar sen uso claro" os 57 millóns de euros destinados á mellora de Montecelo. A esta cantidade engadiríase o investimento de 5 millóns que supuxo a elaboración do plan funcional, o proxecto sectorial e arquitectónico para a ampliación da actual infraestrutura, so pendente de contratación. Tamén criticou que "todos os cidadáns" vaian pagar as indemnizacións que se deriven das denuncias que presenten os afectados polas expropiacións. "Cónstame que xa hai denuncias xudiciais", asegurou o rexedor, en alusión ás cinco vivendas ameazadas de expropiación hai cinco anos. Os propietarios "buscaron alternativas para a súa vida", explicou.
O alcalde de Pontevedra nunha xuntanza coa conselleira de Sanidade.
Nunha visita ao Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, anunciou este martes que o Consello da Xunta do próximo xoves derrogará o proxecto de incidencia supramunicipal do Hospital de Montecelo.
"Quedará sen efectos a expropiación dos terreos que xa que non é necesaria", explicou Farjas, e insistiu en que a infraestrutura sanitaria que estaba prevista nos arredores de Montecelo non se vai realizar por "falta de viabilidade do proxecto funcional".
A titular de Sanidade asegurou que a derrogación constitúe un paso "definitivo" para a consecución do novo hospital único en Monte Carrasco, na parroquia pontevedresa de Marcón, sen que renunciar ao proxecto anterior supoña gasto ningún para a Xunta.
"Os terreos afectados pola ampliación de Montecelo non foron ocupados en ningún momento, nin se elaborou un xustiprezo", explicou a conselleira.
A conselleira anunciou tamén a anulación do convenio entre o Sergas, a Deputación e o Concello de Pontevedra e asegurou que convocará de novo as institucións para asinar outro novo para Monte Carrasco.
Este xoves terá lugar a presentación oficial da plataforma "en contra da privatización e en defensa da sanidade pública e do hospital único de Montecelo", segundo anunciou. Para principios de marzo tamén está previsto iniciar unha rolda de actos públicos nos 13 concellos da área sanitaria -gobernados por alcaldes nacionalistas e socialistas- que se adheriron a esta iniciativa.
Fernández Lores argumentou que a aposta do goberno local pola ampliación de Montecelo é unha "decisión política" que responde á planificación do territorio formulada "a petición expresa" do PP na anterior lexislatura ao bipartito. Fronte a este modelo, o alcalde de Pontevedra aludiu a informes da Organización Mundial da Saúde segundo os cales "a privatización da sanidade implica un encarecemento de seis ou sete veces máis", xunto cunha "calidade menor" do servizo.
Descargar Tarifas