Manuel Vilas . O Teatro Principal de Santiago quedouse pequeno para o acto 'Lingua de liberdade' da Plataforma Galego Patrimonio da Humanidade. Sindicalistas, escritores, actores, mestres, políticos, estudantes de diversas ideoloxías xuntáronse para reclamarlle a Xunta do PP que volva ao consenso a prol da normalización do idioma.
“Feixóo ten un buraco negro por ceder a sectores ultras do seu partido que el nunca pensou. Se ten un dedo de fronte, vaise ter que dar conta” argumentou o profesor Fermín Bouza, un dos voceiros da plataforma. Bouza cre que o presidente da Xunta “vai ter que vir ao consenso” porque “a maioría social está con nós”. “Na banda política non mandamos, pero temos a iniciativa social” presumiu o voceiro. UXT e Comisións, pero non a CIG No acto participaron representantes de gran parte da esquerda galega. Agora ben, foi maior a representación de persoeiros próximos ao PSdeG que do BNG, que a esa mesma hora tiña Consello Nacional. Por exemplo, tomaron a palabra os líderes galegos de UXT e Comisións Obreiras, pero non acudiu o líder da CIG. Galego, Patrimonio da Humanidade salientou o carácter plurar da iniciativa e na necesidade de colaborar con outras plataformas a prol do idioma, como Prolingua ou Queremos Galego. Representación do Bloque e do PSdeG O reitor da Universidade de Santiago Senén Barro, a escritora Marilar Alexandre a actriz e colaboradora de ANT Tamara Canosa ou o músico Roi Casal foron algúns dos persoeiros do mundo da cultura que participaron. Non estiveron presentes, pero si mandaron a súa adhesión, os directores xerais de Galaxia, Vítor Freixanes e de Xerais, Manuel Bragado. Por parte do PSOE acudiron, entre outros, os deputados Xaquín Fernández Leiceaga, Francisco Cerviño; o alcalde de Santiago, Xosé Manuel Sánchez Bugallo e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Antonio Fernández Castro. Dende o BNG estaban, entre outros, a deputada Carme Adán e a ex-concelleira Encarna Otero.
Candido Pazó presentou o acto de 'Galego, Patrimonio da Humanidade'.
1 / 12
O profesor Henrique Monteagudo, tamén voceiro da iniciativa Galego, Patrimonio da Humanidade asegurou que “o noso é un colectivo aberto, non é unha plataforma organizada, nin queremos competir coas dúas outras plataformas”.
Colaboración con outros colectivos
Monteagudo presumiu de que varios dos socios de Galego, Patrimonio da Humanidade forman parte de varias plataformas co obxectivo de “crear un espazo plural” sobre a lingua. O profesor laiouse de que até hoxe o debate sobre a lingua ficara limitado ao marco político.
Ataque ao Club Financeiro vigués
O experto centrou os seus ataques nas “minorías” contrarias á normalización. En particular, denunciou “os ataques que está a recibir o galego por sectores minoritarias que desfrutan dun gran poder económico e mediático, como por exemplo, o Club Financeiro de Vigo”.
Monteagudo resaltou que os falantes de galego son basicamente as clases máis pobres, que soportan anos de prexuízos.
“O principal desafío é a derrogación do decreto do galego no ensino”, indicou antes de reclamar que “o PP volva ao consenso político que rachou hai dous anos cando se opuxo ao decreto sobre o galego no ensino”.
Gómez denunciou a “irresponsabilidade” dos “recortes da nosa lingua”. “Quero dicirlle ao presidente que cómpre volver ao consenso (...) por un puñado de votos utilizouse o galego como un elemento de confrontación”, concluíu.
Sánchez Aguión de CC.OO.
Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral das Comisións Obreiras, asegurou que “a lingua galega é patrimonio dos cidadáns e como tal non se pode apropiar dela ningún partido”. O sindicalista alertou do “flagrante incumprimento” da Xunta do PP da súa obriga legal de promover o galego.
Sánchez Aguión defende o dereito dos alumnos a rematar o ensino obrigatorio cun nivel similar nas dúas linguas, algo que, na súa opinión, non sucede no país.
O ex-deputado Pablo González Mariñas alertou que o acosado (a lingua galega) está a ser denunciado como acosador. O ex-parlamentar por UCD, Coalición Galega e BNG, atacou a política de “ducia e medio de neocons arrepentidos da súa estirpe” como produto dunha “concepción borbónica e centralista do Estado”.
González Mariñas argumentou que “non existe pola nosa parte ningún intento de imposición no galego” e defendeu que “a obriga de coñecer” que goza o castelán tamén se aplique á lingua propia do país.
A catedrática de Xenética e a decana de Matemáticas
A que fóra conselleira de Educación co bipartito, Laura Sánchez Piñón, dixo que “a escola é o instrumento máis poderoso da diversidade lingüística”. Unha das posíbeis candidatas para suceder a Senen Barro ao fronte da USC e catedrática de xenética ratificou o seu compromiso pola defensa do galego no ensino.
Postura compartida por Vitoria Otero, decana da Facultade de Matemáticas, quen explicou como os cativos non teñen problemas nin prexuízos para estudar en varias linguas.
O drama da “xeración Facebook”
Manuel Portas, Marilar Alexandre, Onic Nandi e Antón Reixa foron outras das persoas que tomaron a palabra. Concluíu esta quenda a actriz Tamara Canosa, que denunciou a situación da lingua na “xeración Facebook”.
Canosa, de 26 anos, explicou como no seu instituto da Coruña só tiña tres materias en galego, ningunha de ciencias: galego, historia e 'sociales'. “Esa era o reduto, eu salveime, pero moitos dos meus amigos e amigas non saben falar en galego, non por prexuízos, senón porque todos os elementos socializadores estaban en castelán,” laiouse.
Descargar Tarifas