PUBLICIDADE
Xoves, 18 de marzo de 2010
BLOG HELENA DOMÍNGUEZ
Helena
Domínguez
Xornalista
Visita ao Centro Galego
Feixóo respóndelles aos galegos de Cataluña
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, e o secretario de Emigración, Santiago Camba, recibiron o pasado sábado no Centro Galego de Barcelona un máster acelerado de xeografía humana da comunidade galega de Cataluña. Os dous mandatarios atopábanse na cidade condal con motivo da celebración da Convención do PP, e aínda que a visita ao centro estaba acordada, de seguro que non agardaban ter que dar tantas explicacións.
 17.11.2009 | 13:07

Luís Lamas, Núñez Feixóo, Xosé Méndez e Santiago Camba Luís Lamas, Núñez Feixóo, Xosé Méndez e Santiago Camba. H.D.

O presidente da Xunta tardará en esquecer a súa primeira visita ao Centro Galego de Barcelona. Sen pretendelo, protagonizou unha reunión histórica na que por primeira vez se xuntaron a meirande parte dos colectivos galegos de Cataluña, algúns deles con obxectivos irreconciliábeis, e nalgúns casos mesmo abertamente enfrontados.

Só unha entidade centenaria e de referencia como o Centro Galego de Barcelona podía ser quen de lograr unha xuntanza así, propiciada polas xestións do seu presidente, Xosé Méndez,  “Pepe de Requeixo”, que preparou o encontro e estendeu o convite a todos os colectivos. O recorte drástico das subvencións do departamento de Emigración e a preocupación latente polas salpicaduras do caso Pretoria fixeron o resto.

O encontro non só foi excepcional pola diversidade presente senón tamén polas formas. Todos sentados nunha pequena sala con escasas posibilidades de fuxida discreta, os representantes de 20 entidades  tiveron a oportunidade de formularlle candansúa cuestión ao presidente da Xunta, nun exercicio de representación pública de intereses.

Feixóo atendeu o seu particular “Teño unha pregunta para vostede”  acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, que case non falou e botou todo o encontro cunha indisimulada “cara de sinco pesos”; para os que non entendan a expresión, a cara que lle queda a un cando son as nove da noite, vén de asistir a unha Convención do PP, e probabelmente esperaba despachar a visita cunha breve intervención e uns viños, tal e como facían presaxiar os gaiteiros do recibimento.

As inquedanzas

O presidente da Xunta, que se presentou “como un galego máis”, xa que non estaba de viaxe oficial, deulle resposta a case todas as preguntas, moitas delas relacionadas co pagamento das subvencións. Núñez Feixóo explicou que non hai cartos, que o departamento de Emigración reduciu os orzamentos de 1.800.000 euros no 2008 a un millón no presente exercicio. E por se acaso, lembroulles ás entidades que xa naceran antes da creación da liña de axudas, no ano 90, e que polo tanto foran sostidas “a pulmón”.

Tamén saíron á luz outros temas como o minifundismo do panorama asociativo de Cataluña, a necesidade de reformar a Lei da Galeguidade ou o despoboamento rural en Galicia.

Non se pronunciou Feixóo sobre a proposta, lanzada tanto por Ergac como polo Foro Cívico Galego, de crear un centro de proxección internacional da lingua e da cultura galegas, ao estilo do Ramón Llull, nas principais cidades da diáspora, incluída Barcelona. E só pareceu incomodarse coa intervención de Galauda, que lle pediu a colaboración da Xunta para introducir de maneira opcional o ensino do catalán nos institutos galegos, ao igual que xa se fai co galego nalgúns centros de secundaria de Cataluña. A proposta, incluída sen ánimo de polemizar, desembocou nunha rotunda defensa do inglés por parte de Núñez Feixóo, que rematou criticando o sistema de financiamento de Cataluña.

A sesión pechouse tras unha hora de intervencións, nas que Núñez Feixoo tivo ocasión de coñecer de primeira man a esixente comunidade galega de Catalunya, unha realidade que dificilmente poderá obviar durante o seu mandato, dea ou non dea votos. Agora si, de producirse nun futuro unha visita de carácter oficial, apóstolles algo a que, polo menos, intentará cambiar o formato polo de “59 segundos”.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río